Remata a folga na limpeza dos colexios e instalacións deportivas de Pontevedra tras readmitir as despedidas nas mesmas condicións

O comité de empresa e a dirección de Serveo pactaron un calendario de recuperación salarial que eliminará as diferencias entre convenios
Pontevedra - 19 Nov 2026

A loita das persoas traballadoras da limpeza dos colexios e instalacións deportivas do Concello de Pontevedra deu os seus froitos. Tras o acordo acadado o martes entre o comité de empresa e a dirección de Serveo, a empresa concesionaria do servizo, púxose fin á folga indefinida iniciada hai máis de 15 días coa consecución dun dos principais obxectivos do conflito: a readmisión das catro despedidas, co mantemento do 100% das súas condicións sociais desde o primeiro momento. O acordo foi ratificado pola asemblea de persoas traballadoras, que xa se reincorporaron onte mércores aos seus postos de traballo.

No apartado económico, tamén se acadou un calendario de recuperación progresiva das diferenzas salariais existentes entre o convenio provincial de limpeza e o convenio aplicado pola anterior concesionaria, PreZero. A recuperación será do 20% este ano, do 35% en 2027, do 50% en 2028 e do 75% en 2029, até completar a equiparación salarial en 2030.  

O resultado é froito da unidade, da organización e da loita colectiva do persoal

Desde a representación sindical salientan que este resultado é froito da unidade, da organización e da loita colectiva do cadro de persoal, que demostrou que a mobilización é unha ferramenta fundamental para defender os postos de traballo e lograr dereitos. “Queremos trasladar tamén o noso agradecemento a todas as persoas, organizacións e colectivos que amosaron a súa solidariedade e apoiaron este conflito”, sinalan dende a CIG de Pontevedra.