Remata sen avinza o acto de conciliación polo despedimento da traballadora de Abeiro Gold

CIG-Servizos continuará coas mobilizacións e a próxima semana realizará unha gran pegada de carteis
Lugo - 05 Dec 2018

A CIG realizou unha concentración esta mañá diante do SMAC de Lugo coincidindo co acto de conciliación polo despedimento dunha traballadora da residencia da terceira idade Abeiro Gold e para denunciar a persecución sindical que está a dar nesta empresa contra o persoal máis reivindicativo e contra a representación da CIG. A conciliación rematou sen avinza polo que agora o proceso continuará pola vía xudicial.

Neste senso, Carme Antas, responsábel da CIG-Servizos de Lugo, subliñou que o calendario de protestas para esixir a readmisión desta traballadora continuará adiante nas próximas semanas. Así, xa adiantou que na tarde do próximo mércores, día 12 de decembro, "imos realizar unha gran pegade carteis por toda a cidade denunciando a situación que se está dar nesta residencia".

A decisión de realizar "empapelar" Lugo adóptase ante o "silenciamento por parte dos medios escritos deste conflito. Queremos que a cidadanía saiba o que acontece nesta empresa e que se visualice o conflito", sinala Antas. Neste senso, lembra que Abeiro Gold "tenta ocultar os reiterados incumprimentos do convenio colectivo e a fraude na contratación, a través de campañas publicitarias. É habitual que pague por saír en suplementos de xornais da provincia nos que se destaca a calidade do servizo nesta empresa".

Represalia da empresa

Para a CIG-Servizos este despedimento responde a unha represalia da empresa contra a traballadora que foi única do colectivo de limpadoras que durante unha asemblea defendeu os seus dereitos laborais e denunciou en público as irregularidades que se dan na residencia.

Antas explicou que a dirección de Abeiro Gold ten unha "guerra aberta contra a CIG" dende que a central nacionalista sacou maioría absoluta nas eleccións sindicais na residencia, "a pesares das manobras da empresa para evitar que obtiveramos representación". Por iso, critica que a dirección  estea máis preocupada en botar un pulso á CIG "que en corrixir as múltiples irregularidades nas que está funcionando o centro".