Representantes do persoal de Nostián volven protestar en María Pita pola falta de respostas do Goberno local

Nin hai avances nos pregos nin a concelleira de Medio Ambiente responde á solicitude de reunión
A Coruña - 04 Mar 2021

Representantes dos traballadores e das traballadoras da planta de tratamento de residuos de Nostián volveron concentrarse este xoves diante do Pazo de María Pita para demandar que se axilice a elaboración dos novos pregos e denunciar a falta de resposta por parte do Goberno municipal ás demandas do persoal.

Denuncian que tras a moción aprobada por unanimidade hai xa un mes, nada se ten avanzado nos novos pregos e nin sequera obtiveron resposta aínda á solicitude de reunión trasladada á concelleira de Medio Ambiente para coñecer que prazos manexa o Concello, que modelo de planta quere ou como lle vai afectar a nova normativa europea.

Incerteza tamén sobre o futuro do Consorcio

Cuestións que urxe esclarecer tendo en conta o deterioro progresivo que sofren as instalacións pola falta de mantemento adecuado e a necesidade dun cambio estrutural que posibilite uns maiores niveis de reciclaxe e rebaixar os rexeites. A estas problemáticas hai que sumarlle agora o conflito xurdido no propio Consorcio das Mariñas, logo de que algúns concellos manifestaran a súa intención de abandonar o ente. "Queremos saber que vai pasar co Consorcio no futuro e se o Concello da Coruña ten un plan de continxencia no caso de facerse efectiva a saída dalgún dos municipios", sinalan.

Lembran que despois da intervención administrativa, a planta está en situación de prórroga forzosa baixo a dirección de Albada, que en ningún momento cesou no recorte das condicións socio laborais do persoal. De feito, a estas alturas, os traballadores e as traballadoras seguen perdendo dereitos pois están sen convenio colectivo a causa das artimañas da concesionaria.

Diante desta incerteza e de falta de repostas por parte do Goberno da Coruña, a representación da maioría do comité (CIG e CCOO) advirte que "non cesaremos nas nosas reivindicacións até que se dea unha solución", non descartando incrementar as mobilizacións e as medidas de presión nas próximas semanas.