Sanidade en tempos de covid: colapso das uxencias na Coruña e peche de centros de saúde os sábados en Lugo

CIG-Saúde critica a decisión da EOXI de Lugo de concentrar a atención primaria no Fingoi
A Coruña/Lugo - 16 Set 2020

A dirección da EOXI de Lugo acordou, de maneira unilateral, pechar dende o 19 de setembro todos os centros de saúde de primaria os sábados pola mañá, agás o Foingoi, onde se concentrarán todos os traballadores e traballadoras e a onde terá que acudir todas as e os doentes. Deste xeito, explican dende CIG-Saúde de Lugo, o persoal sanitario recibiu instrucións de agrupar todas as axendas sanitarias do concello e distribuír o traballo "segundo lles vaia, é decir non hai ningunha organización por parte da dirección".

Este cambio, advirte a CIG-Saúde, implica xuntar nun só centro os sábados pola mañá a 15 profesionais máis todos os/as doentes que acudan ou que teñan citas programadas e que serán "atendidos/as polos/as profesionais que teñen asignados ou non, xa que as ordes son que a asistencia de mañá dependerá dos domicilios que queden programados da atención ordinaria da semana, das curas e das demandas que xordan durante o día”.

CIG-Saúde advirte que, diante da situación epidemiolóxica que se vive, con especial incidencia na cidade de Lugo, "non é o máis adecuado aglutinar toda atención dos sábados de mañá nun só centro, e moito menos sen ningún tipo de organización nin información á cidadania, que probablemente acudirá aos seus centros e se encontrará con eles pechados o que fará que se acuda os servizos de urxencia do HULA xenerando máis saturación".

A CIG-Saúde critica que, unha vez máis, a dirección da EOXI de Lugo "ningunea as/os profesionais sanitarios da atención primaria, tomando decisións que só atenden a criterios económicos".

Novo colapso nas urxencias do Hospital da Coruña

Pola súa banda, a Comisión de Centro de Especializada do CHUAC alertaba nun comunicado público este mércores da situación de colpaso que se vive actualmente no servizo de urxencias do Hospital da Coruña, con doentes amoreados/as nos corredores á espera dunha cama.

A esta situación dramática, denuncia a secretaria da Comisión, Lucía Peón, súmase a falta de profesionais en toda a área sanitaria, pois as listas de contratación están esgotadas "e os/as profesionais teñen que traballar arreo cubrindo ausencias nas súas libranzas e asumindo quendas de traballo con menos persoal do imprescindíbel".

Advirte que a día de hoxe hai unidades pechadas no HUAC que a Xerencia xustifica alegando que a falta de profesionais que impide a súa apertura. "Mais cabe recordar que a falta de profesionais vén derivada de anos e anos de recortes de persoal e dunha política de contratación precaria que agora a pandemia puxo aínda máis en evidencia".

Para o órgano de representación resulta pouco apropiado que na situación actual de pandemia, cando as medidas preventivas tanto de hixiene como de distancia social son básicas e imprescindíbeis para evitar a transmisión da covid19, "exista esta saturación no servizo de urxencias e que as/os pacientes se amoreen nos corredores".

Diante disto, a Comisión de Centro esíxelle á Xerencia unha solución inmediata e previsión de cara ao inverno, xa que se no verán a situación é de colapso, só pode ir a peor coa chegada do outono.