Sanidade na Mariña: fuga de profesionais de enfermaría a outros territorios a causa da precariedade laboral

CIG-Saúde convocou unha asemblea para abordar a situación co colectivo
Burela - 03 Dec 2019

A CIG-Saúde convocou este martes unha asemblea aberta e participativa para o persoal de enfermaría do Hospital da Mariña para debater, analizar as causas e deseñar estratexias para mudar a situación crítica de falta de persoal nas listas de contratación. A esta situación, denuncian, chégase pola elevada precariedade laboral que padece o colectivo e que “está fomentada pola xerencia do hospital”.

O persoal, sinalan, “foxe” a outros territorios como Asturias ou Euskadi, “en busca dun futuro laboral mellor, onde asinan contratos de maior duración que garanten estabilidade”. Pola contra, a Dirección de Enfermaría do hospital mariñao, malia as demandas trasladadas en reiteradas ocasións pola central nacionalista, teima na súa política de contratación precaria: contratos  por días, unha quincena ou como moito un mes. “E incluso nega que esta fuxida de profesionais,  principalmente de enfermaría e fisioterapia, sexa por motivos laborais, sinalando que se as/os profesionais marchan será por motivos persoais”.

"Que acheguen solucións ou que dimitan"

Durante a asemblea, abordouse a falta estrutural de persoal, que provoca unha sobrecarga asistencial e impide garantir unha atención sanitaria de calidade; e a ausencia de recoñecemento profesional das traballadoras e traballadores por parte da Dirección de Enfermaría, “que en condicións precarias, día si e día tamén fan que o sistema se manteña en pé”.

Por iso, demandan da Dirección que atenda as reivindicacións sociais e achegue solucións “como máxima responsable da grave situación no distrito sanitario”. Desde a central nacionalista non descartan iniciar mobilizacións para reverter a situación actual e pedir o cese de Isabel Díaz Castro, Directora de Enfermaría do Hospital da Mariña.

Estrés permanente

As consecuencias desta política, advirte a CIG-Saúde, é que “a pesar de ter traballo, as/os profesionais non pode cubrir as necesidades básicas. O nivel de tensión dispárese. E nestas circunstancias ponse a proba a capacidade de resistencia psicolóxica da persoa implicada”. De feito, os expertos/as advirten do perigo de vivir sometido/a a niveis elevados de tensións, pero, sobre todo, do perigo de que esta situación perdure no tempo.

“É evidente a relación que existe entre a tensión intensa e duradeira no tempo con problemas diversos de saúde, tanto físicos como mentais, tales como dificultades para durmir, irritabilidade, depresión, dermatite, problemas dixestivos, cardíacos, etc”, explican desde CIG Saúde A Mariña.

Urxe tomar medidas

Para a central nacionalista para rematar coa precariedade laboral no SERGAS urxe tomar medidas, entre elas:

- A defensa dos postos de traballo, a defensa dunhas contratacións dignas, a defensa dunha oferta de emprego co 100% das vacantes reais de todas as categorías.

- Eliminación das taxas de reposición acordadas en Madrid polos sindicatos estatais, que impiden que se poida facer unha oferta de emprego público con todas as vacantes, é dicir, unha oferta de máis de 6.000 prazas no SERGAS e para todas as categorías.

- A negociación dun plan de estabilidade no emprego de verdade, no que se transformen en prazas vacantes todas as prazas estruturais cubertas, desde fai anos,  con contratos eventuais.

- Unha nova orde de vínculos para que as persoas sexan contratadas pola causa que motivou o contrato, eliminando así que todo se contrate con acumulacións de tarefas.

- Un sistema de identificación de prazas que nos permita saber en cada EOXI os cadros de persoal reais: fixos, interinos, substitutos...