Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade tras intentar aprobalo sen negociar

A CIG-Administración Autonómica denuncia que a empresa pública cancelou dúas xuntanzas e esixe retomar os traballos para pactar medidas reais
Nacional - 02 Nov 2026

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos SA (Seaga) paralizou o seu primeiro plan de igualdade tras intentar aprobalo sen negociación efectiva. A compañía cancelou dúas xuntanzas consecutivas sen marcar nova data para as conversas, polo que dende a central sindical esixen retomar de inmediato os contactos, completar a diagnose e pactar medidas reais para o persoal.

A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, critica o xeito de proceder de Seaga na tramitación do seu primeiro plan de igualdade: catro horas de formación en igualdade para as persoas encargadas de defender os dereitos do cadro de persoal, meses sen reunións, unha diagnose elaborada fóra da comisión negociadora e un intento de someter o borrador a votación sen expoñelo, debatelo nin negocialo na xuntanza do 9 de outubro. “A igualdade non pode quedar reducida á sinatura dun documento preparado pola empresa e a súa consultora”, sinalan. 

A igualdade non pode quedar reducida á sinatura dun documento preparado pola empresa e a súa consultora

A comisión negociadora, integrada por catro persoas delegadas da CIG, unha de CCOO e outra de UGT, constituíuse o 17 de outubro de 2025. Tras a reunión do 18 de marzo de 2026 non volveu reunirse até o 9 de outubro. O primeiro e único borrador do plan chegou o 11 de setembro e, apenas tres semanas despois, a empresa convocou a comisión coa intención de dar por finalizado o proceso.

Segundo as persoas delegadas da CIG que fan parte da comisión de igualdade de Seaga, no requirimento presentado a diagnose é incompleta, non abrangue todo o censo de persoal e carece dunha valoración de postos e dun rexistro retributivo válidos que permitan sustentar unha auditoría salarial axustada á realidade da empresa. “Sen coñecer e negociar as desigualdades existentes -insisten as persoas representantes do persoal- non se poden acordar medidas eficaces para corrixilas”.

Cancelación das xuntanzas

Ademais, a documentación tampouco chegou co tempo necesario, xa que os borradores das actas de marzo e novas versións da diagnose e do protocolo contra o acoso remitíronse o día anterior á reunión do 9 de outubro. En consecuencia, o sindicato opúxose a aprobar as actas nesas condicións e reclamou debater o plan. Posteriormente, tivo que solicitar a rectificación da acta para que recollese integramente a súa intervención. 

Sen coñecer as desigualdades existentes non se poden acordar medidas eficaces para corrixilas

“Despois chegaron as cancelacións: Seaga desconvocou a reunión do 16 de outubro alegando falta de tempo para estudar a documentación e as propostas sindicais da CIG. Tamén cancelou a do día 22, invocando a preparación dun proceso electoral, sen fixar unha nova data. Porén, presentar alegacións, pedir información e propoñer un protocolo fronte á violencia de xénero é exercer a participación sindical. Non pode utilizarse para responsabilizar á parte social da paralización”.

Finalmente, a CIG esixe a convocatoria inmediata dunha xuntanza, un calendario de negociación, toda a información necesaria e respostas motivadas ás propostas presentadas e reclama un plan con obxectivos, recursos, persoas responsábeis e prazos verificábeis en materia de igualdade retributiva, promoción, formación, conciliación e protección fronte á discriminación e ás violencias machistas.

“Cumprido un ano dende a constitución da comisión, Seaga debe deixar de adiar a negociación; nós mantemos a nosa disposición a negociar e a acudir á mediación, sen renunciar ás actuacións inspectoras ou xudiciais que procedan. Porque o persoal precisa igualdade efectiva e non máis demoras”.