Seguimento do 100% na folga das auxiliares de Inditex para reclamar condicións salariais xustas

O apoio masivo ao paro provocou que este xoves non haxa servizo de comedor nin de limpeza nas instalacións da multinacional en Arteixo
A Coruña - 08 Mai 2025

O 100% do persoal Sodexo, Samsic e Veolia (tres das principais contratas de Inditex que agrupan a unhas 300 persoas) iniciaron este xoves un calendario de folgas e paros parciais ante a imposibilidade de chegar a un acordo digno para a mellora das condicións salariais e laborais. A folga está sendo un éxito rotundo xa que non entrou a traballar ningunha persoa destas tres contratas, polo que no día de hoxe non hai servizo de comedor nin limpeza nas instalacións de Inditex en Arteixo.

Ademais, o grupo téxtil xa anunciou ao seu propio persoal que non haberá servizo de comidas na Fundación nin hoxe nin mañá, ao estar convocado tamén un paro laboral de 9:30h a 12:30h para este venres. Aínda que no servizo de mantemento o seguimento tamén é de practicamente o 100%, a afectación no funcionamento xeral é menor xa que Veolia só se ocupa dunha parte desta actividade.

Pola súa banda, as traballadoras e traballadores do comedor das instalacións de Inditex en Narón (Indipunt e Pull&Bear), irán á folga o próximo luns, 12 de maio, en todas as quendas laborais.

O apoio unánime á folga reflectiuse na elevada participación na concentración realizada diante da sede da multinacional en Arteixo entre ás 14:00 e ás 15:30h. Ao berro de “traballo para Inditex e non chego a fin de mes”, as traballadoras e traballadores evidenciaron a súa disposición a loitar por uns salarios xustos acordes coa gran empresa para a que prestan servizos, que pechou o ano 2024 con cifras récord en vendas e beneficios.

Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos, denuncia que as negociacións para a renovación dos pactos de melloras que se aplican ao persoal destas auxiliares están estancadas pola negativa de Inditex a incrementar os orzamentos que destina ás contratas. Subliña que as traballadoras e traballadores destas empresas prestan servizos imprescindíbeis para o funcionamento diario das instalacións de Inditex, como son os comedores (Sodexo), a limpeza (Samsic) e o mantemento (Veolia), “pero cos salarios que cobran teñen dificultades para chegar a fin de mes”.

Lembra que “ademais de cobrar moi pouco”, este colectivo laboral tampouco goza das melloras e das condicións favorábeis que ten “o resto do persoal co que conviven a diario”. A este respecto, Pérez subliña que a maioría do persoal destas auxiliares “é máis veterano que a media de persoas que traballa directamente para Inditex, e hai quen leva máis de 30 anos”.

Ante o estancamento da negociación e a imposibilidade de chegar a acordo, as asemblea de persoal valorarán a posibilidade de ir a unha convocatoria de folga indefinida en demanda de salarios e condicións xustas.