Seguimento total na folga da limpeza no almacén de Pull&Bear en Narón e na nave loxística de Inditex da Laracha

O persoal reclama un acordo de melloras salariais e laborais como xa teñen noutras contratas de Inditex
Narón - 30 Xun 2025

O 100% das traballadoras e dos traballadores de Serclean que fai a limpeza nas instalacións de Inditex están secundando este luns unha xornada de folga para reclamar condicións salariais e laborais xustas. A folga afecta ao almacén de Pull&Bear de Narón e a nave loxística que o xigante téxtil ten na Laracha, nos que este luns non hai servizo de limpeza.

A decisión de convocar folga chega despois de meses de negociacións frustradas e de que a empresa dera “a calada por resposta” á ultima proposta trasladada pola representación social. Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, lembra que o resto de contratas de Inditex xa contan cun pacto de melloras de centro de traballo e están coas negociacións avanzadas ou xa rematadas para a renovación destes acordos. Pero ao persoal de Serclean tócalle seguir aturando ser o único que traballa para Inditex sen ningunha mellora salarial ou laboral por enriba do convenio.

Agarda que diante deste rotunda resposta dada polo persoal, “a empresa reaccione e nos chame para retomar a negociación e poder avanzar nun acordo”. Rodríguez apunta que non se está reclamando ningunha mellora que non teña xa o persoal doutras contratas a nivel salarial, no relativo á redución da xornada máxima anual ou nas aplicación de melloras de carácter social.

A neste senso, xa adianta que, se Serclean teima no bloqueo da negociación, as mobilizacións continuarán e irán incrementando a súa intensidade.