Seguimento total na folga parcial das traballadoras do SAF de Valdoviño para exixir que se cumpra co convenio

Valdoviño - 03 Nov 2023

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Valdoviño  secundaron este venres unha folga parcial de 11:00 a 13:00 horas para reclamarlle á empresa concesionaria, Atendo Calidade, que cumpra co convenio colectivo no relativo á xornada de traballo e ás percepcións económicas e reclamarlle á administración que proceda á actualizacion do contrato como estabelecen os pregos.

Para visibilizar as súas reivindicacións, as traballadoras concentráronse dende ás 11:30 horas diante da Casa do Concello baixo o lema "SAF Valdoviño, pagade o que debedes, cumpride o convenio".

A raíz da convocatoria da folga, que foi un éxito, conseguiuse que o Concello aprobara a actualización do contrato do servizo, tal e como se recolle nos propios pregos de condicións, que as traballadoras viñan reivindicando dende hai meses. A esta falta de actualización económica aferrábase a empresa á súa vez para non aplicar a suba salarial conforme ao IPC que estabelece o convenio galego de Axuda no Fogar.

"Falta agora que a concesionaria, Atendo Calidade, cumpra co acordado no AGA, onde se comprometeu a proceder ao incremento dos salarios e a abonar os atrasos xerados dende xaneiro deste ano, no momento no que o Concello efectivizara esta actualización do contrato", explica Francisco Cartelle, secretario comarcal da CIG-Servizos de Ferrol.

Ademais da suba dos soldos, Cartelle sinala que a empresa non está a liquidar correctamente a bolsa de horas trimestral do persoal, nin se están a computar debidamente as horas realizadas, nin a retribuír nas contías debidas. Tampouco actualizou a contía da quilometraxe, "extremo este que debido á suba dos carburantes está a ser unha cuestión tremendamente lesiva para as traballadoras".

Por iso, xa avanzou que no caso da empresa non cumprir co marcado no convenio colectivo, as mobilizacións continuarán adiante.