• Nova

Seguimento total na 1ª xornada de folga na conserveira Albo de Celeiro

As traballadoras/es reivindican o mantemento do emprego e a actividade produtiva
Viveiro - 27 Xun 2022

As traballadoras e os traballadores da conserveira Albo de Celeiro secundaron este luns a primeira xornada de folga parcial contra o peche da fábrica e a proposta de traslado do persoal ás novas instalacións do polígono de Salvaterra-As Neves. Coincidindo co paro de dúas horas o persoal saíu en manifestación dende a planta até a estatua á Xente do Mar en defensa da continuidade produtiva e o mantemento de todos os postos de traballo en Celeiro.

Na manifestación, que se produce na véspera dunha nova reunión da comisión de negociación do expediente de mobilidade coa empresa, as traballadoras e traballadores contaron co apoio de veciños e veciñas, representantes políticos e de membros do comité de Alcoa, que lles quixeron trasladar a súa solidariedade nesta loita.

A decisión da compañía Shanghai Keichuang supón un novo golpe á industria e ao emprego da Mariña e afonda no esmorecemento progresivo que sofre a comarca, que hai menos dun ano asistía ao desmantelamento de Vestas e á destrución de máis de cen postos de traballo.

Por iso, a CIG reivindica a intervención decidida da Xunta de Galiza para evitar que se consolide esta desfeita que suporía deixar na rúa a máis de 42 persoas -a maioría mulleres cunha idade media que supera os 50 anos- e a desaparición definitiva dun sector como o da conserva, que foi tan importante para a comarca.

Neste senso, a CIG reitera que o expediente de mobilidade formulado pola empresa non constitúe unha alternativa aceptábel para o 90% as traballadoras, que non poden asumir este cambio a máis de 270km dos seus fogares polo custe económico que lles carrexa,  polos baixos salarios que se cobran e polas propias situacións familiares e persoais.

A CIG reclámalle á empresa que dea marcha atrás nos seus plans de peche e manteña a produción na planta de Celeiro, tendo en conta que a factoría é viábel e ten carga de traballo suficiente para soster os actuais niveis de emprego.

Calendario de mobilizacións

As traballadoras e traballadores de Albo teñen convocado o seguinte calendario de mobilizacións:

  • Mércores 29 de xuño, folga parcial e manifestación ás 10 horas dende a porta da fábrica até a Delegación Territorial de Pesca.
  • Luns 4 de xullo, concentración ás 20h diante do Concello de Viveiro.
  • Martes 5 de xullo, folga parcial de 13 a 15h e concentración ás 13:20h na estrada de Area (fronte ao restaurante Louzao). 
  • Mércores 6 de xullo, folga de 10 a 12h e concentración diante da fábrica.