Seguimento total no primeiro día de folga do persoal de Sodexo que atende os comedores de Inditex en Narón

Narón - 23 Nov 2022

A totalidade das traballadoras e traballadores de Sodexo que prestan o servizo de comedor nas instalacións de Inditex en Narón secundaron este mércores o primeiro dos paros laborais convocados para exixir un reforzo de persoal para poder afrontar a carga de traballo. O éxito da folga parcial (que se desenvolveu das 12 ás 15h) provocou que non se dera o servizo de comidas en ningún dos dous comedores.

Nestes momentos, explica Fran Cartelle, secretario comarcal da CIG-Servizos de Ferrol, no servizo traballan 24 persoas, dúas das cales teñen contrato eventual que remata agora e que a empresa non ten intención de renovar. Pero o número de traballadores e traballadoras xa resulta moi axustado para poder atender con normalidade os dous comedores, polo que agora, sen estas dúas persoas, a carga de traballo será inasumíbel.

Neste senso, Cartelle, denuncia que son os traballadores e as traballadoras quen están a pagar coa súa saúde "a tentativa de buscarlle a maior rendibilidade ao servizo por parte de Sodexo", que pretende aforrar custes de persoal a conta de sobrecargar a quen presta o servizo.

Aínda que a representación sindical intentou evitar o conflito mantendo conversas coa empresa e presentando distintas propostas, estas non foron atendidas por Sodexo, e finalmente o persoal acordou convocar folga parcial para este mércores e para o vindeiro 30 de novembro.

Ademais, se non hai avances por parte da empresa para achegar solucións, as traballadoras e traballadores xa decidiron intensificar as mobilizacións, convocando tres días máis de folga para o 13, 14 e 15 decembro, mais desta volta ampliando o paro a toda a xornada laboral: das 05h até ás 18h.

Sodexo ten adxudicado o servizo de comedor de Inditex tanto nas instalacións de Arteixo como en Narón. Nestas últimas, a empresa atende os dous comedores da multinacional que dan servizo a unhas 500 persoas que traballan en Indipunt, Pull&Bear Loxística e Pull&Bear España.