Absoltos os 6 sindicalistas da CIG acusados de coaccións leves tras a ocupación de Barreras

A administración concursal do estaleiro vigués renunciou a continuar coas accións penais
Vigo - 20 Xul 2022

Os seis sindicalistas da CIG denunciados por supostas coaccións leves tras a ocupación simbólica do estaleiro vigués Barreras foron finalmente absoltos tras renunciar a administración concursal da empresa a continuar coas accións penais.

O Xulgado de Instrución número 5 de Vigo fixo pública o pasado 9 de xullo a sentenza na que absolve os seis acusados, entre eles o secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, e o responsábel da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández. Os sindicalistas foran xulgados o pasado 18 de abril tras a denuncia por coaccións leves presentada pola propia administración concursal e pola propiedade do estaleiro tras a ocupación simbólica das instalacións da avenida de Beiramar o 27 de maio de 2021 para exixir solucións á grave crise que atravesa a compañía. 

No xuízo quedou claro que Barreras pretendía criminalizar a loita obreira e escarmentarnos por seren o único sindicato que alzou a voz

“No xuízo quedou claro que Barreras pretendía criminalizar a loita obreira e escarmentarnos por seren o único sindicato que alzou a voz para denunciar todas as tropelías que estaban a cometer, ademais de sinalar a súa responsabilidade na xestión que derivou na suspensión de pagos e na actual situación do estaleiro”, sinala o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves. Para o responsábel sindical así o demostra a belixerancia das declaracións das testemuñas propostas pola empresa durante o xuízo.

Por iso considera que a antiga dirección de Barreras “quería seguir para adiante contra nós”, pero finalmente a administración concursal apostou por renunciar ás accións penais e por readmitir tamén o delegado da CIG no comité que fora despedido tras a ocupación simbólica a pesar de que non participou na acción.

O día do xuízo a central sindical desenvolveu unha concentración solidaria ás portas do edificio xudicial, onde o secretario xeral da CIG, Paulo carril, cualificou de “insólito e moi grave” que se lles reclamasen multas económicas aos acusados, “xa que os que tiñan que estar no xulgado son as persoas que levaron Barreras á ruína coa súa xestión delitiva e as que non están a facer nada para que o proxecto industrial continúe”.

Por iso tildou de “estrafalario” que se queiran converter “as vítimas en verdugos” co único obxectivo de “criminalizar a resposta” a unha situación “tan grave” como a que se está a vivir con este estaleiro. “Isto é o mundo ao revés, porque quen denuncia a situación e reclama o mantemento dos postos de traballo que están ameazados vese envolvido nun proceso xudicial”, lamentou.