O sector servizos tira da contratación, que non chega para recuperar a afiliación á SS anterior á pandemia

Os datos de paro rexistrado do mes de maio constatan a grave situación da Industria

Nacional -

Rematou o mes de maio con 165.306 persas anotadas no SEPE como desempregadas en Galiza, un 3,20% menos que no mes de abril. Na media do Estado o descenso do desemprego acadou un 3,31%, lixeiramente superior ao rexistrado en Galiza. Foi o sector Servizos o que tirou da contratación, máis unha vez precaria e temporal. Porén na Industria confírmase a crítica situación porque o sector segue sen chegar aos datos do mes de febreiro, o último antes de se iniciar o confinamento.

O dato é semellante ao doutros anos para o mesmo período. É habitual que o mes de maio sexa o primeiro onde se rexistra unha caída importante do desemprego ligado ao aumento da contratación no sector servizos e este ano non foi unha excepción. De feito, das 5.472 persoas nas que descendeu o desemprego, o 74% foi precisamente nese sector.

Tamén se constata este dato no seguimento da contratación dos 66.532 contratos rexistrados en Galiza. O 73% rexistráronse en algunha das actividades relacionadas co sector servizos onde, por outra parte, se rexistra unha temporalidade maior. De feito, do total de contratos do mes de maio, tan só o 9,6% se rexistraron baixo algunha modalidade de contratación indefinida. Unha porcentaxe que aínda descende até o 8,8% no caso do sector servizos.

 “Confírmase a cada vez maior dependencia da economía galega dun sector como o de Servizos, e dentro deste, da hostalería, onde o emprego é temporal e as condicións laborais precarias”, lamenta o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, para quen “esta non pode ser a base da economía de Galiza”.

Desmantelamento industrial

Por iso denuncia a ausencia dunha política económica de apoio aos nosos sectores produtivos e cuestiona que o goberno presidido por Feijoo se limite a agardar pola chegada do turismo. “Necesitamos un plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego, dereitos e servizos públicos que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra”, afirma.

O secretario confederal de emprego denuncia ademais as graves consecuencias que a inacción política do goberno do PP á fronte da Xunta de Galiza está tendo para a nosa industria, onde non se dá recuperado o emprego a niveis de febreiro de 2020. “Estamos asistindo a un proceso de desmantelamento industrial, sobre todo nas comarcas do Norte do país, pero o goberno galego segue sen prever políticas públicas para afrontar unha transición xusta”, afirma.

Non se recupera a afiliación á Seguridade Social

Comparando os datos de afiliación á Seguridade Social cos datos de paro rexistrado obsérvase como malia descender o número de persoas desempregadas e situarse ao nivel de febreiro de 2020 –agás en Industria-, segue sen recuperarse a afiliación á Seguridade Social que había a aquela altura.

Por iso para a CIG non deixan de ser rechamantes estes datos. “Sabemos que hai xente que deixa de anotarse nas listas do paro porque deixou de cobrar o desemprego ou porque tras tempo intentando atopar traballo a través dos servizos do INEM non conseguiu nada. Sabemos que moitas mulleres se viron obrigadas a abandonar o mercado laboral durante a pandemia e os datos comparados do paro rexistrado no mes de maio e de febreiro do ano pasado así o seguen a confirmar. Mais sabemos tamén que moita xente tivo que emigrar e por iso desapareceu como demandante de emprego”.

O secretario confederal de Emprego apunta esta reflexión para contradicir a “ilusión da recuperación”. Lembra que o propio IGE, cos datos proporcionados polo Servizo Público Estatal  apuntan neste sentido.

Pero sobre todo lembra que antes de se iniciar a pandemia a CIG consideraba que os datos de desemprego eran dramáticos. Por iso conclúe que “baixo ningún concepto imos dar por bo recuperar niveis pre pandemia de paro rexistrado. Necesitamos que en Galiza se cre emprego e que sexa digno. Os niveis de desemprego eran inadmisibles daquela e o seguen a ser agora”.

Volver