Sobe o paro, a temporalidade e o desemprego, sobre todo, entre as mulleres

A taxa de temporalidade aumenta practicamente un punto, situándose no 27,7%
Nacional - 24 Out 2019

Segundo os datos da EPA do III Trimestre que veñen de facerse públicos en Galiza aumentou a poboación activa en 10.100 persoas e a poboación ocupada en 6.900, respecto do trimestre anterior. Malia isto, hai 3.100 persoas desempregadas máis, o que sitúa o número total de desempregados/as en 143.500. Deste xeito, a taxa de paro aumenta pasando dun 11,3% a un 11,5% e, ademais, onde máis aumenta é entre as mulleres, porque mentres baixa entre os homes de 10,7 a 9,8, entre as mulleres xa estamos no 13,3, un total de 3,5 puntos de diferenza respecto dos homes.

Estes datos evidencian, para o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle, que  “o noso xa cativo mercado laboral é incapaz de absorber este tímido incremento de poboación activa, nin sequera coincidindo co período estival, no que se adoitan producir fortes subidas de emprego relacionados coa contratación no sector Servizos”.

As mulleres, as máis castigadas

Porén, mentres sobe a poboación ocupada, empeora gravemente a situación entre as mulleres, xa que descende o seu número nun total de 3.500 ocupadas menos. Isto ten o seu reflexo na poboación parada, porque así como descende o desemprego entre os homes, en 5.200, prodúcese un forte incremento do paro entre as mulleres, incrementándose o seu número en 8.300.

Diante desta situación, o secretario confederal de Emprego denuncia a perda de peso das mulleres nun mercado laboral ao que se incorporaron durante a crise, como sostén das súas familias e que, porén, agora se ven desprazas deste e non atopan emprego.

Por idades resulta rechamante que son novos activos porque a taxa de actividade aumenta entre a xente nova, entre 16 e 24 anos.

Ademais hai 51.100 familias con todos os activos en paro.

 Contratos

A maior parte do incremento da ocupación foi entre a poboación asalariada. De feito, hai 12.500 novas persoas asalariadas, pero que tiveron na súa inmensa maioría contratos temporais, nin máis nin menos que 10.100. Un dato que certifica máis unha vez, que se corresponde con contratación propia da época estival e co sector Servizos. Nos contratos indefinidos, estes aumentan en 3.600 entre 16 e 34 anos pero hai 1.000 menos entre a poboación de 35 e máis anos.

Así as cousas, a taxa de temporalidade aumenta pasando do 26,8% ao 27,7% neste trimestre respecto do trimestre anterior, practicamente un punto de diferenza.

Este panorama leva a Fran Cartelle a cualificar as políticas económicas e de emprego do goberno do PP na Xunta de Galiza de “nefastas” porque “nin sequera nos períodos nos que hai máis contratación baixa o desemprego”.

O secretario confederal de Emprego vai máis alá e denuncia a “absoluta ausencia de políticas dirixidas a frear a gravísima crise industrial que padece. Un sector que si posibilitaría crear emprego estable e en condicións laborais e salariais dignas”. Reitera ademais a exixencia da CIG de que se derroguen as reformas laborais e da negociación colectiva, ás que responsabiliza do actual empobrecemento da clase traballadora galega.

Fronte a isto rexeita a “obsesión do goberno de Feijóo por favorecer o sector Servizos, onde as condicións son peores e o emprego é máis volátil, porque depende, desde da climatoloxía, até da época do ano na que esteamos”.

Neste sentido denuncia tamén que “Feijóo ten todas as súas expectativas, de mellora da economía de Galiza e de creación de Emprego, postas no Xacobeo. Un ano no que a precariedade e a temporalidade serán sinais de identidade do noso mercado laboral máis que nunca”.