SOS Sanidade Pública convoca mobilizacións en múltiples localidades galegas o vindeiro día 30 de novembro

Nacional - 21 Nov 2022

A Plataforma SOS Sanidade Pública fai un chamamento tanto ao persoal da sanidade pública, como á poboación en xeral, a participar nas mobilizacións que se convocarán en distintas localidades galegas o vindeiro día 30 de novembro, “para salvar e fortalecer a Atención Primaria e a todo o Sistema Sanitario Público Galego, ameazado polas políticas de recortes e desmantelamento da Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade”.

As mobilizacións teñen tamén como obxectivo pór en valor a Iniciativa Lexislativa Popular que ten en marcha SOS Sanidade Pública, que demostra que outra Atención Primaria é posible. Unha ILP na que se propón que o Parlamento de Galiza debata e aprobe toda unha serie de medidas necesarias para garantir unha atención digna na Atención Primaria.

A plataforma denuncia que a poboación sofre importantes trabas e limitacións para acceder e ser atendida nos Centros de Saúde, PAC e Servizos de Pediatría de Atención Primaria; soporta listas de espera de días ou semanas e consultas masificadas; o peche de PAC e centros de saúde rurais; a perda da promoción, prevención, promoción, rehabilitación  e atención ás  enfermidades crónicas; e o abandono da participación comunitaria.

Mentres o persoal dos centros de saúde e PAC esta sometido a condicións de inestabilidade e precariedade laboral e a unha enorme presión asistencial por falta de recursos.

SOS Sanidade Pública asegura que “só a mobilización social, en alianza co persoal da sanidade pública, pode frear o deterioro da Atención Primaria”, por iso anima á poboación e ás/aos profesionais a sumarse o día 30 ás convocatorias.