SOS Sanidade Pública denuncia falta de transparencia no acordo do Sergas con Povisa

A plataforma critica os incumprimentos do conselleiro e reclama un plan de investimentos para a área de Vigo
Vigo - 20 Mai 2025

Representantes da plataforma SOS Sanidade Pública compareceron hoxe en rolda de prensa ás portas do hospital vigués Ribera-Povisa para denunciar que a Consellaría de Sanidade vén de asinar un novo contrato de xestión de servizos de atención hospitalaria co centro médico privado “con total opacidade e falta de transparencia”. Tamén criticaron o incumprimento por parte do conselleiro do compromiso de informar sobre as condicións do acordo unha vez finalizada a negociación e reclamaron un plan de investimentos para a área sanitaria.

 

O voceiro de SOS Sanidade de Vigo, Manolo Moreira, lembrou que a área sanitaria ten unha parte da súa poboación (aproximadamente 120.000 persoas) atendida nun hospital privado, en virtude dun acordo que vén de ser asinado, “sen que existan recursos públicos alternativos para atender a este sector da poboación”. Por este motivo, a negociación deste acordo prodúcese nunha situación de “desigualdade”, xa que a Consellaría non dispón de recursos sanitarios públicos, nin materiais nin humanos, para atender o 100% da cidadanía, mentres que o grupo Ribera-Povisa “está nunha fase de crecemento e expansión”. 

A día de hoxe sabemos da sinatura do acordo a través dos medios, xa que non recibimos ningunha información da Consellaría de Sanidade

Neste contexto, ao non existir unha alternativa asistencial pública, a negociación deste acordo está condicionada polo grupo privado cuxo obxectivo é -tal e como sinalou Moreira- incrementar os beneficios económicos dos seus accionistas. “Unha vez máis ponse de manifesto que un dos factores determinantes da redución do deseño arquitectónico e do plan funcional do novo hospital de Vigo era precisamente poder manter a actividade asistencial do contrato con Povisa”, censurou.

Ao mesmo tempo, denunciou o incumprimento por parte do conselleiro de Sanidade do compromiso de informar sobre as condicións do acordo unha vez finalizada a negociación. “Comprometérase a proporcionar información sobre o acordado antes de que a súa sinatura se fixese pública nos medios de comunicación; mais a día de hoxe sabemos da sinatura do acordo a través dos medios, xa que non recibimos ningunha información da Consellaría nin se fixeron públicos os termos do acordo”. Por iso dende a Plataforma, esixen coñecer os termos do contrato e que o conselleiro cumpra co seu compromiso de facilitar o seu contido e a Consellería coa súa obriga de transparencia.

Plan de investimento

Por outra banda, reclámanlle ao departamento autonómico que desenvolva un plan de investimentos que permita recuperar os recursos asistenciais públicos previstos inicialmente no deseño e planificación da área sanitaria no momento da construción do hospital Álvaro Cunqueiro en 2006. 

O cambio de modelo do novo hospital supuxo a renuncia do PP a dotarnos dos recursos sanitarios públicos necesarios para atender o 100% da cidadanía

“O cambio de modelo do novo hospital supuxo a renuncia do PP a dotarnos dos recursos sanitarios públicos necesarios para atender o 100% da cidadanía e condenou a unha parte desa cidadanía a ser atendida nun hospital privado, nas condicións establecidas pola empresa propietaria dese hospital”.

En consecuencia, demandan a ampliación do Álvaro Cunqueiro, recuperando o plan funcional inicial do novo hospital; a reordenación asistencial da área urbana de Vigo, reivindicando un Centro de Alta Resolución coas especialidades demandadas pola poboación no centro da cidade; a construción do Centro de Alta Resolución, tal e como estaba previsto, no Morrazo.

Así como a recuperación da Atención Primaria, analizando a situación de recursos humanos e materiais dos centros de saúde e adecualos ás necesidades da poboación segundo os ratios de persoal e de financiamento que recomenda a OMS; e reforzar os Puntos de Atención Continuada (PAC). “Para o que é necesario o incremento do investimento en sanidade pública na area sanitaria viguesa nos próximos orzamentos da Xunta”, rematan.