SOS Sanidade Pública mobilízase no Día Mundial da Atención Primaria para reclamar máis recursos e persoal

Nacional - 12 Abr 2023

No Día Mundial da Atención Primaria a Plataforma SOS Sanidade Pública, da que a CIG fai parte, desenvolveu concentracións diante de varios centros de saúde do país para denunciar o deterioro que sofre o primeiro chanzo da sanidade pública a causa da política de desmantelamento e recortes practicada na última década polo Goberno do PP na Xunta de Galiza.

As concentracións realizáronse ao mediodía diante dos centros de saúde de Cangas, Cambados, Outes, Valmiñor, o CS San Xosé da Coruña e o CS Concepción Arenal de Santiago. Ademais, ás 19h farase concentración tamén diante do centro de saúde de San Roque en Vilagarcía.

Para SOS Sanidade Pública evidente que "tras baixar o orzamento para a Atención Primaria a menos da metade do que indica a Organización Mundial da Saúde, non é posíbel cubrir os servizos mínimos nos centros de saúde, nin ter persoal e medios suficientes para atender o necesario servizo con normalidade, alargando cada vez máis as listas de espera".

Cómpre lembrar que a Plataforma entregou o pasado 7 de febreiro no rexistro do Parlamento de Galiza, máis de 50.000 sinaturas en apoio á ILP en defensa da Atención Primaria, que recolle toda unha batería de propostas concretas, factíbeis e aplicábeis para resolver a crítica situación dos centros de saúde e PAC.

"Temos aínda unha Atención Primaria das mellores do mundo, segundo a propia OMS, polo que perdela supoñería un desastre de consecuencias incalculábeis para a saúde da poboación, para todo o sistema sanitario público e para o persoal sanitario", advertiuse no comunicado lido durante as concentracións deste xoves.

No decurso destas tamén se alertou que ningún sistema, por forte que sexa, pode sobrevivir á falta de financiamento, de persoal e de mala organización e xestión. Polo que se lle volveu reclamar á Xunta que se destine á Atención Primaria o 25% do gasto sanitario.

Neste senso, criticouse que dende a masiva mobilización do pasado 12 de febreiro en Compostela, as medidas adoptadas polo Goberno galego "foron meros retoques para maquillar a realidade e suprimir a obrigatoriedade da dedicación exclusiva, que no resolverán os problemas graves de falta de persoal (medicina familiar, pediatría, enfermaría e outros), baixo financiamento e peches de centros de saúde e PAC".

Mobilizacións nas comarcas o día 23

Así as cousas, a Plataforma aproveitou as protestas para dar a coñecer a convocatoria dunha nova xornada de mobilizacións en defensa da Atención Primaria Pública e de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular para o próximo 23 de abril, con concentracións en todas as localidades.