A Plataforma SOS mobilízase no Parlamento por uns orzamentos que permitan enfrontar a crise da sanidade pública
A Plataforma SOS Sanidade Pública concentrouse este martes ás portas do Pazo do Hórreo para reclamar una orzamentos dignos para o sistema sanitario público, e nomeadamente para a Atención Primaria, e denunciar que o Goberno galego continúe apostando pola precarización e a privatización para favorecer o sector privado.
A protesta desenvolveuse coincidindo coa votación dos Orzamentos da Xunta para 2026 que cualificaron de "continuistas" xa que non incrementan o gasto necesario "para afrontar a crise do sistema sanitario público galego, sometido a importantes recortes desde hai 16 ano de gobernos do PP".
No manifesto lido durante a concentración, advertiuse que, malia as intolerábeis listas de agarda, para o vindeiro ano o gasto hospitalario, que supón o 65% do total sanitario, crecerá soamente un 3,6% (1,4% se se desconta a inflación) respecto ao ano 2025. Ademais, o orzamentado incrementa a marxinación da Atención Primaria "á que se dedica o 14,3% do total, o que supón 10 puntos porcentuais por debaixo do 25% recomendado pola OMS".
No mesmo sentido manifestábase Manuel G. Moreira, representante da CIG na Plataforma, ao asegurar “que os orzamentos que están as debate son máis do mesmo, non apostan pola sanidade pública nin por fortalecer a Atención Primaria como levamos anos reclamando". Con estas contas autonómicas, engadiu, o resultado será "máis precariedade para as traballadoras e traballadores da sanidade e peor servizo para a cidadanía".
Fronte a este modelo, exixiu unha aposta clara polo sistema público “e que os cartos destinados á sanidade pública sirvan para incrementar os servizos na pública e non se dediquen a financiar os custes da privatización. Quen está facendo negocio cos nosos cartos son as empresas privadas", rexeitou.
A este respecto, a Plataforma salientou que o gasto sanitario privado en Galiza representa xa o 28.4% do gasto total, "que corre a cargo do pago directo de persoas, fogares e seguros de saúde". Nestos momentos, “o 17% de poboación galega ten un seguro privado, seguen medrando os cartos para concertos coa sanidade privada e mantense o Concerto Singular con POVISA que alcanza case os 100 millóns de euros anuais”.
Na concentración tamén se denunciou que a pesar dos problemas de falta de persoal en Atención Primaria, o SERGAS dedica a Formación e a Investigación o 0,5% do orzamento; que segue sen cumprise o acordado no ano 2024 para a redución da xornada ás 35 horas semanais e que a Xunta non está cumprindo os acordos aos que se chegou no Consello Técnico de AP de Galiza.
Manifestación nacional o 1 de febreiro
A Plataforma SOS Sanidade Pública reafirmou que estará “vixilante” para que o país teña unha asistencia sanitaria pública digna e lanzou un chamamento a participar masivamente na manifestación nacional convocada para o 1 de febreiro en Santiago de Compostela. A marcha sairá ás 12 horas da Alameda “para volver encher a Praza do Obradoiro, para ver se así se dan conta de que Galiza precisa dun novo modelo de Atención Primaria e Hospitalaria”.