Tarlogic despide a tres traballadores por promover eleccións sindicais na empresa

A CIG-Banca denuncia vulneración da liberdade sindical e demanda a súa readmisión
Compostela - 11 Nov 2020

A empresa tecnolóxica -radicada en Teo- Tarlogic vén de despedir a tres traballadores tras ter coñecemento de que estaban promovendo eleccións sindicais e confirmación de que pretendían presentar unha candidatura da CIG. Dáse a casualidade de que un deles acababa de pasar a ser indefinido e que a argumentación da empresa para xustificar o seu despedimento, e o dos seus compañeiros, foi “perda de confianza”.

A CIG-Banca explica que os traballadores informaron directamente á empresa da súa intención de elixir a unha persoa representante e mesmo convocaron unha xuntanza co Recursos Humanos, que informou á dirección. Aos dous días de celebrarse unha asemblea coa CIG foi cando Tarlogic procedeu a comunicarlles o despedimento fulminante.

Até tal punto a empresa é consciente da irregularidade que comete que mesmo ofreceu indemnizacións aos traballadores por despido improcedente. “Ofrecéronlles os cartos para que calaran e non reclamaran o despedimento”, explica Renato Núñez, representante da CIG.

Aínda nestas circunstancias o conxunto do persoal de Tarlogic decidiu seguir adiante coa convocatoria de eleccións sindicais e presentar unha candidatura da CIG composta por 12 persoas para elixir a un só delegado, respaldando deste xeito aos compañeiros despedidos.

A CIG-Banca denuncia a actitude “irracional” da empresa que “opta pola represión contra un grupo de traballadores, que non chegaran sequera a formular ningún tipo de reivindicación concreta e que simplemente buscaban elixir a unha persoa representante do conxunto do cadro de persoal”.

A central sindical lembra que se está vulnerando o dereito á liberdade sindical do persoal de Tarlogic e que fará todo o que estea nas súas mans para conseguir a readmisión das persoas despedidas que así o desexen.