
Traballadoras da limpeza da Coruña retoman as mobilizacións en demanda dun convenio digno

Traballadoras e traballadores da limpeza da provincia da Coruña retomaron este xoves as mobilizacións para reclamar un convenio digno e rexeitar o inmobilismo da patronal estatal ASPEL, que se nega sequera a garantir subas salariais acordes ao IPC. Coas fregonas amarelas como símbolo da súa loita, as traballadoras concentráronse diante do Corte Inglés de Catro Camiños, xa que ten contratados os servizos de limpeza cunha das grandes empresas do sector, Eulen.

“Levamos xa máis dun ano de negociación e a posición de ASPEL é inamobíbel”, explica Paulo Rubido, representante da CIG na mesa de convenio e membro da Executiva Confederal, engadindo que esta postura da patronal estatal é común ao resto de convenios provinciais, tal e como acontecede en Pontevedra onde as negociacións permanecen estancadas.
Avanza que esta protesta é a primeira dun calendario de mobilizacións que se estenderá a Compostela e Ferrol para enfrontar a pretensión das grandes empresas “de deixar o sector no salario mínimo interprofesional, algo ao que nos opoñemos frontalmente”.
Rubido aclara que a localización elixida para a concentración atende á estratexia de acción sindical centrada en levar as protestas aos principais clientes das empresas que integran ASPEL, “para que vexan que é esta asociación patronal quen obstaculiza as negociacións” e quen obriga a ir ao conflito.
Esta decisión, apunta, débese a que a patronal provincial si está en disposición de avanzar nun acordo de convenio e “asinar un incremento salarial equivalente ao IPC do ano 2024”, garantindo así o mantemento do poder adquisitivo. Por iso, reitera, “as protestas estarán localizadas naqueles centros de traballo onde as empresas asociadas a ASPEL prestan os servizos de limpeza”.

Sobre a situación da negociación, indica que a próxima reunión está fixada para o 9 de xuño, mais non se agardan grandes avances. “ASPEL non entende outra linguaxe que a da mobilización e a presión”, critica, advertindo que agora o sector está máis sindicado e organizado e polo tanto “ten maior capacidade de mobilización e disposición a loitar por un convenio digno”.
Previamente ao inicio da concentración, un grupo de persoas esparexeu papel triturado pola planta baixa dos grandes almacéns para chamar a atención sobre o conflito e evidenciar o carácter esencial dunha actividade como a limpeza, que aínda está pouco valorada a nivel social e económico e na que, de xeito maioritario, son mulleres as que desempeñan o traballo en condicións de total precariedade.
“Temos moi claro que temos que presionar a esta patronal para poder chegar a un acordo e por iso levaremos ás mobilizacións a onde máis lles doe: aos seus principais clientes”, reitera.
Ás portas do Corte Inglés, ademais, dispúxose unha fregona de tamaño xigante que espertaba a curiosidade de quen por alí pasaba e varias persoas acudiron á concentración con disfraces de fregona para visibilizar máis a súa loita.