Traballadoras da limpeza péchanse no edificio administrativo de Lugo para reclamar a intervención da Xunta
Un grupo de traballadoras da limpeza e representantes da CIG están pechadas e encadeadas nas escaleiras da entrada do edificio da Xunta de Lugo para reclamar a intervención decidida da administración galega no conflito e parar os abusos patronais.
As traballadoras denuncian que despois de 61 días en folga, cunha patronal que ten secuestrada a negociación colectiva e que quere impor un convenio con táboas por debaixo do salario mínimo, a Xunta non pode seguir mirando para outro lado e ten que actuar xa.
6.000 sinaturas en apoio ás traballadoras
De xeito paralelo, este venres entregáronse no rexistro da Xunta as 6.000 sinaturas que as traballadoras recolleron entre a cidadanía de Lugo en apoio a súa loita e en solidariedade coas súas xustas reivindicacións por un convenio digno. A recollida realizouse na caravana que as traballadoras teñen instalada na explanada do edificio multiusos dende hai preto dun mes.