Traballadoras da residencia Concepción Arenal denuncian a atención precaria que se presta ás usuarias

A nova empresa, Samaín Servizos, recortou aínda máis o xa escaso cadro de persoal
A Coruña - 20 Out 2022

"Samaín explota, Samaín recauda" ou  "a Xunta non ten vergoña por permitir esta carroña", foron algunhas das consignas que as traballadoras da residencia de maiores Concepción Arenal corearon este xoves durante a concentración en protesta pola falta de persoal e a precarísima atención que, por este motivo, se está a prestar ás persoas residentes.

Neste centro (de titularidade pública pero xestionado pola empresa Samaín Servizos á Comunidade, do Grupo Clece) residen unhas 150 persoas, pero o cadro de persoal “está ao límite”. Aos problemas que xa se viñan arrastrando coa anterior concesionaria, DomusVi, súmanse agora os recortes en persoal auxiliar e de limpeza aplicados dende a entrada da nova empresa o pasado 1 de xuño.

"Dende entón estamos con catro limpadoras menos porque a empresa non as subrogou, e no caso das auxiliares, no mellor dos días, hai unha ratio de 2,5 auxiliares por cada 30 residentes. Isto provoca situacións como que haxa persoas que van almorzar sen asearse ou que son levantadas ás 12 da mañá despois de pasar 14 horas na cama e sen probar alimento”, alertan as delegadas da CIG no Concepción Arenal. Pero aínda máis, hai xornadas nas que se teñen que servir os denominados menús de emerxencia (a base de produtos enlatados) porque cando falta alguén, non se cubre esa ausencia.

A situación de deterioro na atención é tal que na maioría das quendas de noite e en moitas quendas de día non existe a presenza de persoal de enfermería titulado, aínda que, segundo a normativa vixente é obrigatorio contar con esta figura en todo momento naquelas residencias que teñen máis de 40 usuarios/as. Samaín, lonxe de corrixir esta eiva, pretende suplir a falta de DUE con persoal sen titulación o que constitúe unha manifesta ilegalidade e unha irresponsabilidade absoluta coas persoas residentes e coas propias traballadoras.

Desleixo absoluto das administracións

As delegadas da CIG no comité subliñan que todas estas carencias foron denunciadas en numerosas ocasións diante da Consellaría de Política Social, na Inspección de Traballo e incluso na Fiscalía “pero ninguén nos fai caso” e día a día a situación empeora.

“Por iso acordamos realizar estas mobilizacións todos os xoves de outubro, para denunciar publicamente a situación da residencia, porque é unha auténtica indignidade o que están facendo coas e cos usuarios”, aseveran as delegadas da CIG, adiantando que o próximo xoves, día 27, o persoal repetirá concentración ás 11:30h na porta da residencia de Matogrande.

Neste senso, acusan a Xunta de Galiza de promover e soster este modelo de residencias privatizadas que só serve para encher os petos dunhas cantas empresas a conta de explotar as persoas maiores e as traballadoras. Porque estas carencias de persoal fan que as traballadoras e traballadores teñan que asumir unha sobrecarga laboral e psicolóxica insoportábel.

Por estas razóns, instan a Política Social a asumir as súas responsabilidades inspectoras, exercer un maior control da xestión e obrigar a empresa a que dote a residencia con todo o persoal necesario para ofrecer a atención de calidade que merecen as e os residentes.

De igual xeito reclaman rematar con este modelo mercantilista da atención ás persoas e que a xestión dos centros se preste directamente dende o público, cos recursos económicos e humanos necesarios para garantir a calidade asistencial e unhas condicións laborais dignas.