Traballadoras e residentes denuncian que Samaín non cumpre as ratios de persoal no centro Concepción Arenal da Coruña
Traballadoras e traballadores da residencia da terceira idade Concepción Arenal da Coruña estanse mobilizando todos os xoves de outubro para denunciar a precariedade laboral e asistencial na que Samaín está a prestar o servizo. Esta empresa, que colleu o contrato da xestión desta residencia pública o pasado 1 de xuño, non está cumprindo as ratios de persoal, polo que en moitas quendas non hai presenza no centro de persoal de enfermería titulado, tal e como exixe a normativa.
A CIG-Servizos denuncia que Samaín, do grupo Clece, e a Xunta de Galiza acordaron unha ratio de persoal sanitario de 0,35, “o que supón un recorte de persoal moi significativo con respecto ao que había e que xa se consideraba insuficiente”. Esta falta de traballadoras/es xa fora denunciada en diversas ocasións pola representación da CIG diante da Inspección de Traballo, xa que, ademais de supor unha sobrecarga laboral e psicolóxica, impide dar unha atencion de calidade ás persoas residentes.
Alertan que non se está a cumprir a obriga de contar cunha enfermeira DUE presencial as 24 horas do día nos centros con máis de 40 residentes. Ao contrario, en “moitísimas quendas de noite e infinidade de quendas polo día, a presenza da DUE é inexistente". Pero a empresa, en lugar de corrixir esta deficiencia, "pretende cubrir ese posto con persoal sen a titulación adecuada", o que constitúe unha manifesta ilegalidade.
A isto engádense os recortes en persoal auxiliar, de limpeza e de cociña que "levan a unha precariedade para os e as residentes" que, se resulta inadmisíbel en calquera residencia, aínda resulta máis grave cando se trata, como neste caso, dun centro do que a Xunta de Galiza é titular.
Por iso, e ante a negativa da empresa a resolver os problemas de falta de persoal, as traballadoras acordaron desenvolver este calendario de mobilizacións no que tamén participan ususarios/as, e denunciar publicamente a situación da residencia "porque non queremos ser cómplices deste abuso e da precariedade do servizo". "Coas persoas residentes, engaden, non se mercadea, non poden ser moeda de cambio para beneficio duns poucos".
Por iso, con estas concentracións, tamén demandan a xestión directa pola Xunta das residencias, un incremento das prazas e do gasto públicos por praza para así garantir unha atención para as persoas residentes e unhas condicións laborais dignas.