Persoal de Carrefour Lugo mobilízase para denunciar os abusos laborais da empresa
Traballadoras e traballadores do Hipermercado Carrefour de Lugo concentráronse esta tarde diante da entrada ao estabelecemento comercial para denunciar os abusos aos que están sometidas as traballadoras e traballadores desta multinacional e reclamar unhas condicións laborais dignas.
Na protesta, convocada pola CIG, a representación da central sindical (que ten a maioría no comité) criticou que as relacións laborais neste estabelecemento comercial están permanentemente xudicializadas porque a dirección segue sen respectar o dereito á conciliación por coidado de menores, non cumpre as sentenzas xudiciais e non respecta tampouco algo tan básico como os horarios e os descansos do persoal.
A isto súmanse "os abusos laborais continuados xa que falta persoal e o que hai ten que asumir unha carga de traballo insoportábel". Este sobreesforzo, explican as delegadas e delegados da CIG, afecta directamente á saúde dos traballadores e das traballadoras a tal punto que as cifras de persoal en situación de baixa médica neste centro "son escandalosas".
Todo isto porque Carrefour, "nun afán insaciábel de incrementar os beneficios, non contrata persoal suficiente para atender o volume de traballo que existe no hipermercado de Lugo e que se incrementa aínda máis nestas datas".
Este comportamento explotador contrasta coas cifras de facturación de Carrefour, que superan os 10.000 millóns de euros, triplicando a rendibilidade neta. "Pero seguen espremendo os traballadores e traballadoras para que os mandos insaciábeis vexan medrar os seus petos a conta de que unha persoa faga o traballo de tres, de que non se respecte o dereito ao descanso entre xornada, e de facer horas extraordinarias a esgalla", alerta a representación da CIG.
Nesta liña, reiteran que tampouco se cumpren cos calendarios laborais e os contratos temporais seguen a estar en fraude de lei xa que de maneira sistemática Carrefour ocupa postos de carácter estrutural con persoal eventual.
O persoal "non pode máis"
Subliñan que o persoal "non pode máis", que está "canso de denunciar estes abusos" e que a empresa non atende as súas reclamacións. De feito, incluso a dirección rexional de Recursos Humanos "escapa" e evitar reunirse coa representación do persoal para abordar todas as problemáticas que se dan neste centro de traballo.
Para denunciar publicamente todos estes abusos e exixirlle á empresa que tome medidas, a CIG acordou convocar esta primeira concentración "porque queremos que se saiba o que está a acontecer no centro de Carrefour de Lugo, que estamos cansos e cansas desta situación e que non imos soportar máis humillacións. Queremos que se respecten os nosos dereitos e que non se nos trate mal", conclúen.