• Nova

Un grupo de traballadoras/es de Atunlo O Grove clama pola readmisión de 14 compañeiras/os

Desenvolveron unha protesta convocadas/os pola FGAMT-CIG para rexeitar os despedimentos
O Grove - 12 Abr 2022

Un grupo de traballadoras/es de Atunlo O Grove levou a cabo unha concentración hoxe diante da empresa para esixir a readmisión das 14 compañeiras/os que veñen de ser despedidas/os de xeito totalmente inxustificada, tal e como denuncian dende a FGAMT-CIG do Salnés.

Ao inicio da mobilización, que tivo lugar de 14:00 a 15.00 horas coincidindo co cambio de quenda, despregouse unha faixa rexeitando a decisión da compañía e reclamando a volta dos afectados/as aos seus postos. “Non aos despidos en Atunlo O Grove” e “Despedidas/os readmisión” foron os berros que máis se escoitaron durante a protesta.

Dende a central sindical insisten en que as rescisións de contrato son “totalmente inxustificadas” e lembran que a empresa se comprometera recentemente a manter todos os postos de traballo, ao tempo que inciden en que aínda que Atunlo O Grove reduciu a súa facturación continúa a ter importantes beneficios.

Os despidos foron comunicados o pasado día 5 de abril sen previo aviso nin á representación sindical nin aos propios/as afectados/as, e sen cumprir a marxe legal de preavisar con 15 días de antelación. A dirección, que fixo as rescisións no límite legal para que non se considere despido colectivo, esgrime causas obxectivas por necesidades organizativas e de produción. Ademais, aproveitou para modificarlles os horarios e as funcións a outros/as 12 traballadores/as.

Para a central sindical o acontecido é un “claro abuso” da empresa, “que alega causas económicas pero con toda a prepotencia paga eses 15 días de falta de preaviso para evitar que os afectados/as se puidesen informar”. De feito, comunicou os despidos ao mediodía, no cambio de quenda, polo que os empregados/as non sabían se había máis persoas afectadas. “Uns minutos antes de que rematase a quenda de mañá a dirección chaman a presidenta do comité, que pensa que é para falar dalgunha cuestión de organización interna, pero comunícanlle que vai haber despidos”, detallan.

Ao mesmo tempo, varios/as traballadores/as dos departamentos de almacén e frío tamén son convocados/as en grupo ás oficinas, menos o delegado sindical desa zona. “Fanos pasar un/ha a un/ha e dinlles que é o seu último día na empresa”. Cualifican de “sorprendente” este xeito de actuar, “porque tras varias loitas nos últimos anos, como foi cando a empresa aplicara sancións e advertencias a varios/as empregados/as, logramos chegar a acordos”.

Como aconteceu o pasado mes de novembro, cando o persoal de produción pasou de traballar en quendas rotatorias de mañá e tarde a facelo só na quenda de mañá; a empresa comprometérase entón a manter os demais postos e a non facer ningún despido”.

Tamén fan fincapé en que a compañía está a traballar “ao 200%” da súa produción. “Podían ofrecerlles o traslado a Atunlo Cambados, empresa do mesmo grupo, como aconteceu en decembro; de feito, nese centro de traballo precisaban persoal hai pouco tempo”. Mais ao contrario, optou por rescindirlles os contratos, a algúns/has deles/as incluso estando de baixa.

Diante disto, anunciaron que ademais da campaña de mobilizacións os despidos terán unha resposta xurídica, e animan a todos/as os afectados/as que aínda non o fixeron a que se poñan en contacto coa central sindical. “Temos que dignificar o traballo dos representantes da nosa central sindical na empresa -5 da CIG fronte a 4 de CCOO- na defensa dos dereitos de todo o cadro de persoal, como veñen facendo especialmente nos dous últimos anos”.

Finalmente, deixan moi claro que “mal vamos” se a empresa quere continuar nesta liña, porque o que fixo “é un desprezo” tanto para os traballadores/as como para a súa representación sindical. “Non é lóxico que despidan persoal con experiencia cando ao mesmo tempo están a buscar traballadores/as para outra empresa do mesmo grupo”. E advirten que vixiarán que a compañía non faga uso de contratación temporal para suplir os empregados/as que vén de despedir.