Traballadoras/es de Lefties e Zara mobilízanse contra a discriminación que sofren por parte da empresa

A Coruña - 29 Nov 2019

As traballadoras e traballadores das tendas de Lefties e Zara concentráronse este venres no Centro Comercial de Marineda, na Coruña, para denunciar a discriminación que padece o persoal das tendas e a actitude que está a ter con elas a dirección da empresa Zara España S.A. A protesta convocada polo comité, con maioría da CIG, desenvolveuse coincidindo coa celebración do Black Friday.

Aseguran que non poden permitir que unha empresa como INDITEX, que obtén miles de millóns de beneficios a nivel mundial, recorte de maneira unilateral dereitos dos que gozan desde hai moitos anos, destrúa postos de traballo instalando caixas de autocobro ou mesmo escatime nos incentivos.

Denuncian que tampouco son de recibo as diferentes condicións no que respecta a beneficios sociais existentes dentro de INDITEX, que permiten e fomentan que dentro do grupo "haxa traballadoras e traballadores de primeira e segunda categoría".

Do meso xeito aseguran que están “fartas” de que unha empresa como INDITEX, que dá millóns en doazóns, non invista nin un peso na súa seguridade “non movendo un dedo para solventar o problema da carga de traballo, tanto física como psíquica que estamos a sufrir dentro das tendas”.

Advirten que non van permitir que “sendo as traballadoras das tendas a parte máis importante da empresa e participando todas das ventas, só unhas poucas cobren un incentivo anual por vendas. Por iso conclúen que “estamos fartas de que INDITEX se burle de nós, fartas de ser sempre as máis prexudicadas”.