Traballadores/as de Urbaser Santiago maniféstanse por un convenio digno ás portas de iniciar folga indefinida

Esta tarde está convocada reunión coa empresa, concesionaria da recollida do lixo
Compostela - 15 Xul 2022

Traballadores e traballadoras da recollida do lixo e a limpeza viaria de Santiago manifestáronse novamente este venres dende a Alameda até a Praza do Obradoiro en demanda dun convenio digno. A protesta realizouse coincidindo coa celebración do pleno municipal no que se trataba unha pregunta a respecto deste conflito e a tres días do inicio da folga indefinida.

Dende o anuncio da convocatoria de folga feito polo comité a pasada semana, nada se moveron as posturas por parte da empresa, que seguen mantendo a súa proposta económica de miseria. Por iso, de non producírense avances significativo s na reunión que terá lugar esta tarde entre as partes, o vindeiro luns 18, farase efectiva a folga.

Unha folga en demanda dun convenio digno que garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, nun momento ademais de medre imparábel da carestía da vida. Porque Urbaser, despois de meses de negociacións, só ofrece unha suba do 0% para 2021, unha paga única e non consolidábel de 150€ por traballador/a para 2022, o 0,75% para 2023 e en 2024 e 2025, o 0,25% do resultado do que lle suban ao persoal funcionario.

Un incremento que o comité considera absolutamente inasumíbel, xa que suporía manter as retribucións conxeladas durante os próximos anos e afondar no empobrecemento dos traballadores e das traballadoras deste servizo. Lembran que os seus salarios están sen actualizar dende 2021, cando o IPC do ano pasado rematou no 6,5% e nestes momentos, en Galiza, xa supera o 11%.

Pero, ademais, Urbaser tampouco quere recoñecer a xubilación parcial ao 75% con contrato relevo e garantir a cobertura da vacantes durante os períodos de vacacións, baixas, permisos etc. A este respecto, o comité segue advertindo que non hai persoal suficiente para cubrir todas as necesidades do servizo, polo que os traballadores e traballadoras actuais teñen que afrontar unha sobrecarga de tarefas inasumíbel.

A isto hai que engadir que a empresa segue incumprindo os acordos acadados en anos anteriores co comité sobre a renovación do persoal eventual, que está afectando á estabilidade no emprego e que xa provocou o despedimento de dous compañeiros con catro anos de antigüidade.

Por todas estas razóns, o persoal reitera o chamamento ao Concello de Santiago para que asuma as súas responsabilidades, medie no conflito, defenda os dereitos laborais e salariais do persoal deste servizo e deixe de posicionarse a prol dos intereses da empresa.