Traballadores/as de Albada reclaman ao Concello da Coruña "datas concretas e próximas" para os pregos

Denuncian os incumprimentos da empresa, o estado "calamitoso" da planta e a perda de dereitos
A Coruña - 31 Mar 2021

Traballadores e traballadoras de Albada concentráronse na mañá deste mércores diante do Concello da Coruña para denunciar o atraso na publicación dos novos pregos da concesión mentres a planta de Nostián continúa deteriorándose pola falta de mantemento adecuado e o persoal perde condicións laborais e salariais, xa que a empresa, malia estar en situación de prórroga forzosa, nunca cesou no seu ataque aos seus dereitos.

A concentración enmárcase no calendario que o comité ten acordado para esixir do Concello información concreta sobre o estado dos pregos e que datas de publicación manexa, se se incluirán as garantías laborais, sociais e de emprego comprometidas, ou cal é o modelo de planta de tratamento de residuos que quere o Goberno municipal para Nostián.

O vindeiro xoves, día 8 de abril, os traballadores e traballadoras volveranse concentrar en María Pita e o comité non descarta intensificar as medidas de presión se non hai resposta por parte do Concello.

A este respecto, Hadrián Canosa, delegado da CIG, lembrou que a situación das instalacións é deplorábel pois á falta de selado do vertedoiro, que a empresa aínda non executou, hai que sumar a rotura dun biodixestivo, a deficiente limpeza debido ao estado das cintas transportadoras, a falta de persoal ou incluso que chove dentro das instalacións.

Xunto a isto, Canosa sinala os continuados incumprimentos da concesionaria en canto os niveis de recuperación e reciclaxe, que o persoal calcula que se reduciu nun 7% dende o remate da intervención municipal en agosto do pasado ano. "A maior parte do tempo hai unha única persoa por cinta recuperando materiais, o que supón que o cartón e o plástico acaben no vertedoiro, por que non hai persoal para recollelo", advirte.

Canosa alerta tamén que a nave de compostaxe "está toda remendada", e que incluso unha parte das súas instalacións "se inutilizaron e xa nin se arrancan". Neste senso lembra que, a pesar de que os veciños e veciñas separan a materia orgánica nos seus domicilios "toda a materia orgánica vai para o vertedoiro e supón arredor do 40% dos residuos sólidos urbanos que entran na planta".

Garantías das condicións e dos empregos

Ás deficiencias na planta hai que sumarlle a progresiva perda de emprego e a deterioración das condicións laborais e salariais do persoal, que leva sen convenio colectivo dende decembro de 2019, logo das manobras de Albada para conseguir que decaese.

Por iso, outra das demandas que lle fan ao goberno municipal é que cumpra co acordo de garantías que tanto a anterior concelleira de medio ambiente como a actual asinaron co comité para o mantemento das condicións laborais, salariais e sociais, a continuidade da totalidade dos empregos, a cobertura de vacantes, a estabilización do persoal eventual, o recoñecemento do dereito á subrogación para o persoal das empresas subcontratadas de mantemento ordinario  ou labores de xestión dos puntos limpos, así como para a renovación da maquinaria.

"Hai motivos máis que sobrados para que se lle de prioridade aos pregos de condicións", reiterou o delegado da CIG. " Non somos merecedores deste trato por parte do Concello. Non somos lixo, traballamos no lixo, que é diferente. Queremos que o prego saia xa. Queremos saber a data certa e queremos que sexa unha data próxima no tempo. Porque queremos facer uso dos nosos dereitos, que están ademais asinados polo goberno municipal", concluíu.