• Nova

Traballadores/as de seguridade do CC Marineda City mobilízanse contra os recortes no servizo

Para o sábado 5 de marzo teñen convocada unha nova concentración
A Coruña - 02 Mar 2022

Traballadores e traballadoras da seguridade privada do Centro Comercial Marineda City concentráronse o pasado sábado para denunciar os recortes que a dirección do complexo comercial leva anos aplicando no servizo de vixilancia. Na concentración, convocada pola CIG e CCOO, advertiuse que os recortes non só afectan ao persoal de seguridade, senón tamén ao persoal auxiliar, nun intento de maximizar beneficios a conta de destruír emprego e sobrecargar de traballo.

Dende a sección sindical da CIG en Prosegur -que ten adxudicado o servizo- critican que, baixo a escusa da pandemia, xa se eliminaran catro postos de traballo e nas últimas semanas produciuse un novo recorte, desta volta coa escusa do elevado prezo da electricidade. "Sempre hai unha desculpa para recortar en persoal de seguridade. Hai dous anos, na quenda de mañá había catro vixilantes máis que os que hai agora. E das tres persoas que quedan, dúas son mandos intermedios", advirten.

Esta merma de persoal, engaden, prodúcese ademais cando está aumentando a carga de traballo e coincidindo co recorte de efectivos aplicado por algúns establecementos comerciais que teñen contratado o seu propio servizo de seguridade, que suprimiron outros dous postos. "O que ocorre é que se hai unha incidencia nestes establecementos temos que acudir nós a reforzar o servizo, cando xa estamos moi axustados de persoal", indican.

Para abordar esta situación, a representación da CIG solicitou unha reunión co xerente do CC Marineda City que non foi atendida até que os traballadores e as traballadoras decidiron iniciar concentracións. "E a única razón pola que nos deron a reunión foi para pedir que retiraramos as mobilizacións, mais sen atender ningunha das nosas demandas nin achegar un compromiso para reforzar o servizo de vixilancia", critican.

A este respecto, a sección sindical da CIG rexeita tamén o xeito en que Prosegur aplicou os recortes ordenados pola xerencia do centro comercial, posto que nin informou nin convocou ao comité previamente, como é perceptivo. Unha actuación que xa foi denunciada na Inspección de Traballo.

Diante destes ataques, o pasado sábado o persoal realizou unha primeira acción de protesta e para o próximo sábado, 5 de marzo, está convocada unha nova concentración a partir das 17:30 horas, na praza central exterior do CC Marineda City, "porque estamos fartos e fartas de que se recorte neste servizo".