Traballadores/as Urbaser mobilízase para esixirlle á empresa e ao Concello de Santiago que se cubran todas as ausencias

O comité advirte que a falta de persoal afecta á limpeza das rúas e supón unha sobrecarga de traballo
Santiago - 25 Xun 2020

Traballadores e traballadoras de Urbaser concentráronse na tarde deste xoves diante do Pazo de Raxoi, para esixir da empresa e do Concello de Santiago o cumprimento dos pregos do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria e que se proceda á cobertura de todas as baixas, vacacións e licencias do persoal para poder garantir a prestación adecuada do servizo.

A protesta realizouse coincidindo coa celebración do Pleno Municipal no que se abordou esta problemática e no que tamén interviu o presidente do comité, Ricardo Méndez, para expor a situación na que se atopa o servizo "no que, a día de hoxe hai 18 persoas menos".

Neste senso, explica que o feito de que Urbaser non contrate persoal para cubrir as ausencias "afecta á limpeza diaria das rúas da cidade e supón unha sobrecarga de traballo para o resto do persoal, que se ve obrigado a realizar horas fóra da súa xornada laboral". Ademais, estánselle modificando as funcións  dos servizos encomendados aos traballadores e ás traballadoras e hai incumprimento do convenio colectivo no relativo ás licencias e permisos por coidado, hospitalización, etc.

Reforzo insuficiente

Aínda que pola  presión do comité Urbaser realizou catro contratacións nos últimos días, "estas non chegan para cubrir as necesidades mínimas do servizo", apunta. Neste senso, a representación social demanda do Concello de Santiago que obrigue á empresa a cumprir co establecido nos pregos e mesmo que se reforce o servizo ante as necesidades de limpeza e hixiene xeradas pola pandemia da Covid19 e de cara á previsíbel chegada masiva visitantes o ano próximo, con motivo do xacobeo.