Tralusa, condenada a subrogar ao persoal da liña de transporte do aeroporto Rosalía de Castro

A CIG insta o Concello de Santiago a adoptar medidas para o cumprimento á sentenza

Compostela -

O Xulgado do Social nº 4 de Santiago vén de emitir a primeira das sentenzas dos traballadores que realizaban a liña de transporte de viaxeiros ao aeroporto de Santiago condenando á concesionaria do transporte urbano, TRALUSA, do Grupo Monbus, a proceder á subrogación que debía terse producido o pasado 23 de decembro.

Inácio Pavón, representante da FGAMT-CIG de Compostela considera que se trata dunha sentenza “demoledora” que demostra “o despropósito que por parte do concello e de TRALUSA se fixo con estes traballadores deixándoos na rúa”.

Lembra que a sentenza declara, ademais, probado que tiña que terse aplicado o acordo autonómico de subrogación independentemente de que non se tivera producido a licitación a tempo por parte do concello de Santiago, toda vez que o servizo séguese a prestar na actualidade.

Pavón fai, por iso, un chamamento a non agardar a novas sentenzas e a executar de inmediato o criterio xudicial procedendo a subrogar á totalidade dos traballadores afectados restituíndoos no seu posto de traballo.

Considera inadmisible, despois de quedar probado que a decisión da Xunta de Goberno é a que provocou a situación que sufriron os traballadores todos estes meses, que a empresa puidera optar por indemnizar.

Por iso insta ao goberno municipal e, nomeadamente, ao concelleiro de Mobilidade, “que no seu día se desentendeu do problema que eles mesmos crearan a que tome as medidas necesarias para que se dea cumprimento á sentenza optando pola subrogación”.

Volver