UGT, CCOO e USO validan parte das propostas da patronal de Seguridade Privada

A CIG considera que son inasumíbeis e lamenta que os sindicatos estatais camiñen cara a sinatura do convenio
Nacional - 10 Out 2022

A CIG considera inasumible a última proposta realizada na mesa de negociación do convenio de Seguridade Privada porque non garante o poder adquisitivo; non recupera o perdido; non equipara o plus de perigosidade; non reduce a xornada; non incrementa o complemento de nocturnidade e festividade; non crea novos plus nin incrementa os existentes; non se fala da xubilación; non incrementa licenzas; non soluciona o problema do cómputo de xornada nin o de asuntos propios e tampouco incorpora medidas concretas que modernizarían o sector e permitirían a necesaria renovación xeracional. Lamenta que, porén, os sindicatos estatais camiñen cara a sinatura do convenio.

UGT, CCOO e USO validaron na mesa de negociación do convenio de Seguridade Privada celebrado este venres, día 7 de outubro, parte das propostas realizadas por APROSER na anterior mesa de negociación do convenio colectivo de Seguridade Privada, incluída a de topar a cláusula de garantía salarial do IPC.

O representante da CIG-Servizos na mesa Pedro Pérez, denuncia que “os sindicatos estatais mesmo abandonaron as súas propostas de redución de xornada, creación de novos plus, equiparación do plus de perigosidade ou ampliación de permisos”, entre outras. En todo caso, explica, ASECOPS segue sen compartir a proposta de APROSER, e manifestou que non están en condicións de asumila.

Fronte a situación actual, a CIG responde a APROSER:

  1. En relación á nova redacción do artigo 12, Contratos de Traballo:
  2. Sobre o contrato de duración determinada, o representante da CIG, Pedro Pérez, explica que a central sindical podería concordar con ampliar a súa duración de 6 a 12 meses, “pero cunha indemnización por fin de contrato de 20 días en lugar de 12”.
  3. Respecto do contrato fixo descontinuo, no referido ao chamamento, establécese que a medio convenio colectivo, ou acordo de empresa, débense establecer criterios obxectivos e formais polos que se debe rexer o chamamento. En todo caso, “debe realizarse por escrito ou por outro medio que permita deixar constancia da debida notificación á persoa interesada coas indicacións precisas das condicións da súa incorporación e coa debida antelación”.

Sen prexuízo do anterior, Pérez afirma que, “a empresa debe trasladar á representación legal dos traballadores, coa suficiente antelación, ao comezo de cada ano natural, un calendario coas previsións dos chamamentos anuais, ou no seu caso semestral, así como os datos das altas efectivas das persoas fixas descontinuas”.

Reclama ademais que se estabeleza unha “bolsa sectorial de emprego na que se poidan integrar as persoas fixas descontinuas durante os períodos de inactividade”, co obxectivo de favorecer a contratación e a súa formación continua.

Por outra banda, apunta que a empresa “debe informar ás persoas fixas descontinuas e á representación dos traballadores e traballadoras sobre a existencia de postos de traballo vacantes de carácter fixo ordinario, de forma que poidan formular solicitudes de conversión voluntaria, tendo prioridade para isto”.

En todo caso Pérez matiza que “este tipo de contratos deberán utilizarse só para certos supostos, que terán que negociarse neste convenio, non podendo ser utilizada esta contratación para os servizos continuos de carteira”.

  1. Canto aos contratos de formación, “terán unha retribución no primeiro ano do 80% e no segundo do 90%, en todo caso nunca pode ser inferior ao SMI, a proposta de 60% e 75%, respectivamente é totalmente inasumible”.
  2. Respecto do artigo 31 creación da figura de Coordinador de Departamento, “considerámolo innecesario, salvo que se demostre a necesidade desta nova figura, consideramos que existen suficientes mandos intermedios”.
  3. Modificación do artigo 32, en canto ao persoal operativo de transporte de fondos, e ao contador pagador, A CIG amosa “o noso total rexeitamento, se non vai acompañada dunha formación obrigatoria en tempo de traballo, xunto cunha remuneración acorde ás novas funcións”.
  4. O representante da CIG entende que para o artigo 37 de Escalafóns, Ascensos, Provisión de Vacantes e Persoal, débese realizar unha nova redacción que dea garantías ás persoas traballadoras de promocionar nos seus postos de traballo. A este respecto, remítese á proposta que traslada a CIG na súa plataforma.
  5. En relación á proposta do artigo 51, Compensacións nos supostos de IT, como xa manifestou en anteriores reunións “non se toca salvo que sexa para incrementar as compensacións, por tanto rexeitamos a proposta b.2) que reduce o complemento, e aceptamos a b.4) xa que os incrementa”.
  6. Sobre a modificación artigo 52 apartado 5, explica que “non a aceptamos xa que entendemos que son pasos atrás en dereitos conquistados e que isto non vai solucionar o problema de computo de xornada en transporte de fondos, tan só é un parche que non estamos dispostos a aceptar”.
  7. En relación á disposición adicional da cláusula de garantía, como xa manifestou o representante da CIG na anterior reunión, “non aceptamos unha cláusula de garantía salarial topada e menos sen carácter retroactivo”.

En canto á proposta de incremento salarial, a CIG considera que é insuficiente e que “debería ir acompañada doutros conceptos económicos definida en determinados pluses, como xa puxemos de manifesto noutras reunións, xunto cunha redución de xornada, de todo o cal a parte empresarial non quere falar, nin negociar, sendo por tanto no seu conxunto unha proposta totalmente insuficiente”.

Disconformidade de ASECOPS

Despois dun receso, no cal se ían a valorar as propostas trasladadas, ASECOPS amosou a súa desconformidade, manifestando que non tivera tempo abondo de valorar as propostas. Pola súa banda APROSER, que para Pedro Pérez “ten moita presa”, dixo que non era necesario quedar para outro dia, e que eles cunha hora tiñan tempo suficiente para facer unha valoración. “Aquí apreciouse que todo isto estaba máis que falado e que estaban facendo unha posta en escena, xa preparada entre APROSER e os sindicatos CCOO, UGT e USO. Puro teatro”.

APROSER, trasladou unha nova proposta na cal finalmente aceptaba, subir a súa oferta de incremento salarial para o 2023 no 6%; para 2024, nun 4%; para 2025 o 3% e para 2026 outro 3%, e que aceptarían unha cláusula de revisión salarial, ao final da vixencia do convenio, topada até un límite do 2%, sen carácter retroactivo, só sobre as táboas do 2026, abonándose o 1 de xaneiro de 2027.

“Quere dicir que non asumirían a totalidade do IPC no caso de ser superior na vixencia do convenio, condicionando isto á nova proposta de funcións para transporte de fondos e tratamento de efectivo (Vixiantes e contadores) e novo cómputo de xornada para estes, a aceptación de redistribución dos complementos de IT, reducindo ditos complemento para as baixas de curta duración e incrementándoo nun dos tramos de longa duración, adaptación na contratación a Reforma Laboral, nova redacción do artigo 37, e isto todo ten que ser ratificado na reunión do 14 de outubro”, explica Pérez.

Cara a sinatura do convenio por parte dos sindicatos estatais

UGT, CCOO e USO manifestaron, segundo o representante da CIG na mesa de negociación do convenio, que ían trasladar esta última proposta aos seus órganos de dirección e darían resposta o 14 de outubro.

Pérez advirte aos traballadores e traballadoras do sector que isto significa que asinarán o convenio. Por iso pregúntase “onde quedaron as propostas da plataforma conxunta: universalización de plus de fin de semana e festivo; equiparación plus de perigosidade, creación de outros pluses; redución de xornada até 1742 horas; 1 día de asuntos propios; permiso para acompañamento médico aos fillos/as menores de idade; regulación para traballadores especialmente sensibles; vacacións na subrogación; coeficientes redutores; mantemento do emprego; ampliación da asistencia xurídica….

Denuncia que era “todo fume” e que agora queren trasladar que con só un dos puntos acadados, e para iso en parte, é todo un éxito porque se conseguiu un 16%. Pérez rexeita, fronte a isto, o 5,5% perdido de 2021, incide en que, neste intre o incremento de 2022 será do 2%, o que implica acumular unha perda de poder adquisitivo do 13% nestes dous anos. “Logo o 16% que pretenden aceptar xa non é tan bo. Porque a realidade é que xa levamos unha perda dun 13% e os vindeiros anos, aínda que a inflación se modere, vai seguir alta”.

Pregúntase “canto se vai perder até 2026, ao non garantir, a cláusula de revisión, o IPC, por estar topada nun 2%, e iso para as táboas de 2027 e sen carácter retroactivo”. E reitera o rexeitamento da CIG desta proposta por insuficiente por non garantir nin o poder adquisitivo, nin moitas das outras demandas que se deberían incorporar. “Perdeuse unha oportunidade excelente para modernizar e converter atractivo a este sector, a nosa resposta seguirémola dando na rúa e promovendo a necesidade dun convenio galego, xa que está claro que a vía estatal está esgotada, non dá resposta ás necesidades e demandas das persoas traballadoras”.