Un novo verquido de augas fecais anega as instalacións do 061 en Cangas

É o terceiro incidente deste tipo que se rexistra dende que Ambulancias do Atlántico xestiona o servizo
Cangas - 28 Xan 2021

Delegados/as da CIG no 061 alertan sobre o estado no que se atopa a base do servizo en Cangas no maior pico da pandemia despois de que un novo verquido de augas fecais deixase “inservíbeis” as instalacións que xestiona a empresa concesionaria, Ambulancias do Atlántico-Grupo Orthem.

Os representantes sindicais denuncian que á decisión da compañía de trasladar a Vigo o sistema de desinfección en novembro do pasado ano hai que sumar agora un novo desbordamento de augas fecais por toda a instalación sanitaria que alberga a propia ambulancia, os EPI ou o propio material sanitario co que se atende aos pacientes.

Lembran que se trata do terceiro incidente deste tipo que se rexistra na base, pero a de onte foi a máis grave das inundacións acontecidas no último ano. “Segundo os operarios da empresa Aqualia semella que o problema pode estar no afundimento da beirarrúa, que impide que o desaugadoiro faga a súa función”, sinalan.

Semella que polo momento a situación non ten arranxo “e o persoal traballador atopámonos nunha pelexa entre a empresa concesionaria, a comunidade e o Concello”. Ademais, o problema é tan grave que alén de non contar coas condicións hixiénico sanitarias mínimas para o persoal traballador, ocasionará atrasos na activación da ambulancia.

Ao mesmo tempo, lamentan que pese a estar no pico máis alto de casos por covid no Morrazo dende o inicio da pandemia (91 tan só en Cangas), as tarefas de desinfección dos vehículos sanitarios tras a atención e o traslado polo persoal sanitario do 061 dos pacientes con signos de sospeita ou confirmación seguen realizarse nas instalacións que a concesionaria do 061 ten en Vigo.

“O feito de que en Cangas careza dun sistema de desinfección covid propio provoca que a ambulancia tarde moito máis en quedar novamente operativa, orixinando atrasos na asistencia á poboación que teña unha urxencia sanitaria, pese a que a posta en marcha dun novo sistema ten un custe de 75 euros”.

Múltiples deficiencias dende a adxudicación 

Segundo sosteñen os delegados/as da CIG, a base de Cangas atravesa un verdadeiro “calvario” dende que o 061 adxudicou a finais do 2019 a prestación do servizo de asistencia sanitaria urxente en Cangas á empresa Ambulancias do Atlántico-Grupo Orthem. “Tres inundacións de augas fecais e un corte de subministro eléctrico por impagos ocasionaron o traslado a un hotel do persoal sanitario. Ademais, o afundimento da rúa provocou que a ambulancia non puidese saír a atender unha emerxencia e que o vehículo tivese que ser substituído para reparar o tubo de escape”.

Neste senso, dende a CIG censuran que a política da empresa que dende o inicio da prestación do servizo para o 061 “caracterizouse por impedir a participación sindical en materia de prevención de riscos laborais coa intención de intentar que os nosos/as delegados/as puidesen obrigar a dirección ao cumprimento das leis”. De feito, a empresa acaba de ser sancionada por segunda vez pola Inspección de Traballo e Seguridade Social de Vigo por este motivo.

“A liña de traballo da empresa é sempre a de investir o mínimo imprescindíbel, aínda que iso supoña contravir a lexislación, para obter o maior beneficio posíbel do contrato que ten co 061 a costa de poñer en perigo a seguridade e a saúde do persoal sanitario”, rematan.