Unha cadea humana rodea o centro de saúde de Seixo para defendelo “coas nosas propias mans” dos recortes

Tras a eliminación do segundo médico/a, o único que queda ten que atender 2200 persoas
Marín - 18 Out 2021

Intensifícanse as mobilizacións en distintas localidades galegas para denunciar a situación na que se atopa a sanidade pública como consecuencia dos continuos recortes que está a aplicar a Xunta. Este domingo día 17 unha multitudinaria cadea humana rodeou o centro de saúde de Seixo, en Marín, para defender “coas nosas propias mans” o consultorio médico e reclamar unha atención sanitaria digna.

Dende a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, na que participa a CIG, denuncian que dende que hai tres meses o Sergas deixou o consultorio sen segundo/a médico/a un só facultativo ten que atender 2200 persoas. Ademais, a enfermeira contratada remata o 1 de novembro, polo que sospeitan que quedarán tamén cunha única enfermeira “se non cobren a praza como aconteceu co médico”.

Como consecuencia dos recortes, o tempo de espera para unha consulta médica aumentou, chegando aos 20 días de demora, “a pesar dos esforzos do persoal”. Neste senso, lembran que antes do 15 de xullo non había listas de agarda no consultorio, ao tempo que advirten que se a Xunta non contrata o persoal necesario a situación irá a peor no centro de saúde de Seixo e haberá máis colapso e saturación en Marín. En definitiva, “peor asistencia sanitaria para toda a veciñanza”.