Unha multitude percorre as rúas do Grove para reclamar unha solución para a conserveira Thenaisie

O comité insta a Xunta a poñerse á fronte para desbloquear o proceso de venda
O Grove - 29 Xun 2020

Máis de 4000 persoas percorreron onte as rúas do Grove convocadas polo comité de empresa de Thenaisie Provote para reclamar unha solución que permita a supervivencia da conserveira e o mantemento de 125 postos de traballo. Dende a representación sindical instan a Xunta á poñerse á fronte das negociacións para lograr o desbloqueo da operación de venda.

A comarca da Salnés respondeu de xeito masivo ao chamamento da persoal de Thenaisie e botouse á rúa nunha das maiores mobilizacións que se lembran no Grove para demandar unha saída que evite a liquidación da empresa e a perda dos empregos.

Unha vez rematado o prazo fixado polo inversor galego interesado en adquirir a fábrica para que se aceptase a súa proposta, e ante a imposibilidade de seguir a negociar coa propiedade -o grupo romanés Scandia Food-, dende o comité consideran que ten que ser a Xunta a que se poña á fronte para intentar desbloquear o proceso de venda dunha compañía que se atopa en concurso de acredores.

Con este ánimo a representación sindical acudirá á reunión que terá lugar o mércores coa directora xeral de Pesca e co Igape. “O Goberno galego ten que garantir que a proposta que hai enriba da mesa de recuperar a actividade industrial e manter o emprego vaia adiante; o empresario retírase porque di que non se pode negociar con Scandia, pero retomaría a súa oferta se se desbloquea a situación”, indican.

Mentres, o cadro de persoal continúa co calendario de mobilizacións na defensa de todos os postos de traballo de Thenaise, tantos da propia planta do Grove como o da nave de loxística de Mos. Onte levaron a cabo unha concorrida manifestación dende as instalacións da empresa até o Concello, convocatoria que terá continuidade este vindeiro domingo día 5.