Unha multitudinaria manifestación chama en Vigo a “reconstruír” a área sanitaria para garantir unha asistencia 100% pública e de calidade
Ao igual que o pasado mes de xaneiro, varios milleiros de persoas saíron hoxe á rúa en Vigo de novo convocados pola plataforma SOS Sanidade Pública baixo o lema ‘Reconstruír a área sanitaria de Vigo’, para demandarlle ao Sergas a dotación do persoal e dos recursos necesarios para garantir unha asistencia 100% pública e de calidade.
A marcha percorreu a distancia entre a Praza dos Cabalos, de onde saíu pasadas as 19:00 horas, e o cruzamento de Colón, onde se deu lectura a un manifesto no que se esixen “responsabilidades políticas” polas condicións nas que se atopa a área sanitaria e se chama a “defender” as medidas necesarias para dotala dos recursos humanos e materiais necesarios para conseguir unha asistencia sanitaria 100% pública e de calidade. “O que estamos a vivir na actualidade son as consecuencias das condicións nas que se fixo a licitación, a construción e a xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro”, sinálase. Un proceso que foi contestado masivamente na rúa e tamén diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, na Comisión Europea, no Defensor do Pobo europeo e no Parlamento europeo, “denunciando a vulneración da legalidade española e comunitaria na licitación”.
Lémbrase ademais que un informe do Consello de Contas reafirma as denuncias que a SOS Sanidade leva facendo desde que se confirmou este cambio de modelo de hospital e cuestiona a legalidade de determinados aspectos da licitación. Polo que consideran que non pode quedar impune “facer que a cidadanía pague 470.469.422 euros de máis á sociedade concesionaria; facer un hospital máis pequeno, que non responde ás necesidades da área sanitaria; e manter e incluso aumentar o negocio da sanidade privada.
De feito, coa construción do novo hospital non se lograron acadar os obxectivos fixados polo Plan funcional inicial, “xa que que nin se construíron as estruturas necesarias de atención hospitalaria (de 2000 camas hospitalarias previstas no conxunto da área sanitaria pasouse a un máximo de 1366); nin se reforzou a Atención Primaria coa creación de novos centros de saúde e ampliación de outros; nin se conseguiu a diminución do peso da sanidade privada na nosa área, incrementándose o seu negocio”.
Como consecuencia destes incumprimentos tanto a cidadanía como as persoas traballadores da sanidade pública padecen “intolerables” listas de agarda para consultas, probas complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas; uns servizos hospitalarios sen o cadro de persoal e espazos suficientes; unha carteira de servizos incompleta para manter o negocio da sanidade privada; a saturación no servizo de urxencias do hospital por un deseño insuficiente, cunha Atención Primaria debilitada; unhas listas de agarda en Atención Primaria que superan en moitos casos os 10 ou 15 días, e moitas persoas sen profesional da medicina de familia ou da pediatría que poida atendelos. Así como a sobrecarga dos profesionais de enfermería, insuficientes para dar resposta á cronicidade e á dependencia, con atraso no seguimento de patoloxías crónicas e dificultade para garantir unha atención de calidade a persoas dependentes; as dificultade para acceder aos centros de saúde e ás consultas de Atención Primaria por non ter persoal suficiente nas áreas administrativas.
Mentres unha parte da poboación segue a ser atendida en Povisa, cun concerto económico “sen transparencia”, e sen alternativa pública neste momento, para poder reverter esta situación. “Mentres a sanidade pública sofre, os cartos públicos seguen a encher as carteiras dos accionistas dos fondos de investimento estranxeiros que son propietarios do Hospital Álvaro Cunqueiro e do hospital Ribera-Povisa”.
Fronte a todo isto, reclámase a reversión da concesión e o rescate do Álvaro Cunqueiro para o ámbito do público, así como a súa ampliación tal e como figuraba no proxecto inicial para garantir 1265 camas, o que inclúe restituír unha Unidade de Coidados Mínimos con 148 Camas, a Unidade de Docencia e Investigación e unha unidade de Rehabilitación.
Tamén se demanda poñer a pleno rendemento as camas do Hospital do Meixoeiro (422) e do Hospital Nicolás Peña (117); recuperar a poboación de 300.000 usuarios de Pontevedra que antes tiña servizos especializados en Vigo (Cirurxía Torácica, Cardíaca, Hemodinámica, etc.); a reordenación asistencial da área de Vigo, reivindicando a construción dun Centro de Alta Resolución (CAR) coas especialidades más demandadas pola poboación, no centro de Vigo, dado que a implantación do Álvaro Cunqueiro no extra radio da cidade provocou un distanciamento dos recursos hospitalarios.
E a recuperación da Atención Primaria, cun aumento da inversión, analizando as necesidades de recursos, tanto humanos como estruturais, dos centros de saúde e dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria. Para o Morrazo, esixen a construción do novo Centro de Alta Resolución na Rúa coas especialidades máis demandadas, e o PAC de Atención Primaria; rematar xa o centro de saúde de Moaña co seu PAC, ampliar o de Cangas (trasladando o PAC ao CAR) e construír o novo centro de saúde no Hío, tal e como estaba previsto, para dar cobertura a poboación de Aldán e do Hío.
“Para que todo isto sexa posible é necesario garantir o incremento da inversión en sanidade pública na área sanitaria de Vigo, e que os cartos de todas e todos se utilicen para reforzar a atención hospitalaria e recuperar a Atención Primaria, e non para incrementar o negocio da sanidade privada”, remata o manifesto.