Unha nova sentanza recoñece como falso autónomo o persoal de Servicarne que traballaba para Frigolouro en Lugo

Esta é a segunda resolución neste senso que reciben as empresas do Grupo Coren na provincia
Lugo/O Porriño - 16 Xul 2021

Unha nova sentenza vén ratificar a existencia da relación laboral entre as empresas do Grupo Coren e o persoal falso cooperativista de Servicarne que traballaba nas instalacións da provincia de Lugo. Esta resolución é a segunda contra unha empresa de Coren, en concreto refírese ao persoal de Frigolouro en Coeses (Lugo), e está motivada pola demanda de oficio que a Seguridade Social presentou para que se recoñecera a estes traballadores e traballadoras como parte do cadro de persoal de Frigolouro.

A Seguridade Social calcula en máis de 2 millóns de euros a fraude no importe das liquidacións das cotas non pagadas pola empresa

O xulgado ratifica así a existencia da relación laboral con Frigolouro de todos os traballadores/as que, entre outubro de 2013 e novembro de 2017, estaban destinados nas instalacións que xestionaba en Lugo (propiedade de Novafrigsa, tamén do Grupo Coren). A administración calcula en máis de 2 millóns de euros a fraude no importe das liquidacións das cotas non pagadas á SS pola empresa neste período.

Aínda que a sentenza non é firme, mantén aberta a posibilidade de que o persoal afectado poida reclamar a devolución das cotas abonadas indebidamente durante ese tempo. Neste senso, o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, chama ás empresas a asumir a súa responsabilidade con este persoal e non recorrer a resolución xudicial, a segunda relativa ao Grupo Coren na provincia, tras da emitida en maio do pasado ano contra Novafrigsa.

Nin un só traballador/a propio nas instalacións

Segundo se recolle na sentenzas, nas instalacións de Coeses, dedicadas á elaboración e procesado de xamóns, traballaba persoal propio de Novafrigsa até 2011, cando a maior parte da actividade pasou a realizarse por cooperativistas de Servicarne. Finalmente en 2014, a liña de produción pasa a vincularse a Frigolouro á quen lle facturaba os servizos Servicarne.

Cando a raíz da campaña de denuncia iniciada pola CIG en 2016 contra a explotación laboral do persoal falso autónomo, a Inspección de Traballo cursa visita ás instalacións, no ano 2017, Frigolouro non tiña nin ún só traballador ou traballadora dada de alta no réxime xeral da SS.

Condicións de miseria: cotizando pola base mínina, sen descansos e vacacións retribuídas e sen que se lle pagaran as horas extras nin o plus de nocturnidade, xa que cobraban segundo os quilos ou pezas traballadas

Todo o persoal da liña de produción estaba traballando como falso autónomo a través da cooperativa instrumental Servicarne, nunhas condicións de miseria: cotizando pola base mínina, sen descansos e vacacións retribuídas e sen que se lle pagaran as horas extras nin o plus de nocturnidade, xa que cobraban segundo os quilos ou pezas traballadas. E aínda por enriba tiñan que abonar cada mes 50€ en concepto de cota mensual de socio/a da cooperativa.

Obriga de facerse socio/a para poder traballar en Frigolouro

A respecto da fraude que constituía este esquema de contratación, na propia sentenza recálcase que "non é a cooperativa cos seus socios os que van 'colocando' aos seus cooperativistas nas diferentes cárnicas, senón que son as cárnicas quen derivan os futuribles socios á cooperativa se queren traballar no secadoiro de Coeses. Ao principio incluso á alternativa foi ser despedidos da entón Novafrigsa á que pertencía o secadoiro".

Cómpre lembrar que a longa e dura loita deste persoal derivou na creación dunha dirección especial na Inspección de Traballo adscrita á autoridade central e ás direccións territoriais para investigar a fraude de enormes dimensións que se agochaba no sector cárnico, que utilizaba a Servicarne como fornecedora de man de obra barata e sen dereitos de ningún tipo.

Fraude na contratación de enormes dimensións

A investigación rematou coa alta de oficio na Seguridade Social de miles de traballadores e traballadoras e que as grandes empresas do sector lles tiveran que aplicar as condicións laborais do resto do seu cadro de persoal. Ademais, Servicarne foi descalificada en abril de 2019 pola Dirección Xeral de Traballo Autónomo como cooperativa.

Con estas sentenzas de primeira instancia pecháse favorábelmente o capítulo para o recoñecemento da relación laboral de todo o persoal que estivo traballando durante anos como falso autónomo de Servicarne nos dous grandes grupos cárnicos que operan en Lugo: o Grupo Coren e o Grupo Sada (da multinacional Nutreco).

Porén, a día de hoxe este persoal segue tendo que pelexar para que as empresas principais lles recoñezan e apliquen todos os seus dereitos laborais e salariais.

Protestas nas instalacións de Frigolouro no Porriño

A conflitividade no sector cárnico non cesa e este vernes o comité de Frigolouro no Porriño (onde está a sede e as instalacións principais da empresa) iniciou un calendario de mobilizacións ante a falta de vontade da dirección para chegar a un acordo no pacto de empresa, logo de dous anos, e para rexeitar os novos programas formativos, que non consolidan emprego e reducen as contratacións.

A protesta dos delegados e delegadas repetirase o venre 23, mentres que para o venres 30 de xullo está convocada unha concentración aberta, na que o comité fai un chamado a todo o persoal a participar.