Unha nova sentenza recoñece como falso autónomo o persoal de Servicarne que traballa en Frigolouro

O Xulgado do Social de Vigo confirma unha vez máis as teses da CIG de que se trata de traballadores/as por conta allea
O Porriño - 16 Set 2021

Unha nova sentenza, nesta ocasión do Xulgado do Social número 2 de Vigo, recoñece a relación laboral existente entre as empresas do Grupo Coren e o falso persoal cooperativista de Servicarne, confirmando as teses da CIG, que leva anos denunciando en solitario que se trata de traballadores/as por conta allea e non autónomos/as, como as compañías sosteñen.

Esta decisión xudicial, contra a que cabe recurso diante do TSXG, chega tras a actuación de oficio da Tesourería Xeral da Seguridade Social para dar de alta no réxime xeral a todo o persoal de Servicarne que presta servizo en Frigolouro do Porriño, ao constatar que o verdadeiro empresario do persoal de Servicarne é Frigolouro, empresa esta última que “organiza o traballo, asume o risco das operacións e coloca a súa estrutura ao servizo dos traballos e dos teóricos socios/as traballadores/as de Servicarne”. 

O xuíz sostén que o verdadeiro empresario do persoal de Servicarne é Frigolouro

Na acta de infracción da Seguridade Social, que recolle a sentenza, establécese que existe dependencia da actividade da cooperativa respecto do proceso produtivo da empresa, que a cooperativa carece de autonomía real para organizar e dirixir o traballo, así como que esta non realiza xestión de provedores nin ten unha política única de dirección de empresa dos utensilios nin da roupa de traballo.

Tamén recolle que a prestación de servizos efectúase persoalmente, con permanencia e de xeito habitual dentro da organización de Frigolouro, non tendo os socios/as as facultades pertinentes para aceptar ou rexeitar o traballo encomendado. Ademais, Servicarne non aporta outro elemento que a man de obra e as súas xornadas laborais rematan canda as de Frigolouro.

De feito, sostén que a transferencia económica efectuada pola empresa á cooperativa “vén a enmascarar o pago de salarios aos socios/as en retribución polos servizos en conta allea prestados á mesma”. Polo tanto, dá por confirmado que concorren os elementos de “alleidade, dependencia e retribución” que caracteriza o traballo por conta allea.

Loita en solitario da CIG

As sentenzas feitas públicas nos últimos meses que están a confirmar que se trata de persoal falso autónomo, polo que procede dalo de alta no réxime xeral da Seguridade Social, son consecuencia da loita que mantén a CIG xunto a moitos/as dos afectados/as dende hai anos para denunciar as condicións de explotación que padecen estes/as traballadores/as e reclamar o seu recoñecemento como persoal por conta allea. 

As denuncias da CIG derivaron na apertura dunha investigación sobre a fraude na industria cárnica

Dende o primeiro momento a central sindical tivo que batallar en solitario, sen o apoio do resto dos sindicatos con representación nestas empresas, e coa oposición das propias direccións das compañías, aínda que agora algúns destes sindicatos “se subiran ao carro” para intentar “anotarse un tanto” e xustificarse pola súa “complicidade” coas empresas, segundo critican dende a FGAMT-CIG.

Andando o tempo, as denuncias presentadas pola CIG diante da autoridade laboral en Ourense, Pontevedra e Lugo derivaron na creación dunha dirección especial na Inspección de Traballo adscrita á autoridade central e ás direccións territoriais para investigar a fraude de enormes dimensións que se agochaba no sector cárnico, que utilizaba a Servicarne como fornecedora de man de obra barata e sen dereitos de ningún tipo.

A investigación rematou coa alta de oficio na Seguridade Social de miles de traballadores/as e que as grandes empresas do sector lles tiveran que aplicar as condicións laborais do resto do seu cadro de persoal. As compañías recorreron a decisión, pero os xulgados están a darlle a razón á CIG.