O xulgado do Social nº 2 de Santiago vén de emitir unha sentenza firme, contra a que non hai posibilidade de recurso, que confirma a validez das eleccións sindicais celebradas en Eleuterio López y Cía., empresa do grupo Monbus, nas que o sindicato resultou gañador. A resolución xudicial desestima a demanda presentada pola empresa e confirma o laudo arbitral de Inspección de Traballo que xa validara o proceso electoral, avalando a agrupación de distintos lugares de traballo promovida pola CIG.
A empresa pretendía que os centros de Santiago, Teo, Ribeira e Negreira se considerasen centros de traballo independentes, impedindo así a súa agrupación para efectos electorais. Pola contra, a resolución conclúe que existe unha única unidade electoral, centrada na estación de autobuses de Santiago, e que os outros lugares non constituían unidades produtivas autónomas cunha organización propia.
Para a CIG, esta decisión ten especial relevancia porque permite rachar coa fragmentación do persoal que, segundo denuncia o sindicato, o grupo Monbus mantén cun entramado de múltiples empresas e UTEs, nas que divide ás persoas traballadoras dificultando que acaden o número legal necesario para promover eleccións sindicais e elixir representantes de persoal para defender os dereitos laborais.
O representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, considera que se trata dunha sentenza pioneira neste sentido, que confirma o criterio do laudo arbitral e coincide co que xa sostivera a Inspección de Traballo. Afirma, ademais, que “esta sentenza confirma que Monbus actúa de mala fe e cunha actitude tramposa e de obstrución á labor sindical da CIG co obxectivo último de impor condicións de traballo abusivas”.
A empresa négase a recibir o delegado da CIG
As eleccións sindicais celebráronse en abril e, desde aquela, a empresa tense negado a recibir José Blanco, delegado da CIG elixido polo persoal, para tratar cuestións relacionadas coas condicións de traballo. Neste sentido, Blanco denuncia as condicións laborais que, segundo explica, padecen. “É tal o abuso, con xornadas de 15 horas, sen respectar en moitas ocasións o descanso entre xornadas, con tempos de traballo que se falsean para evitar pagar pluses do convenio e tendo que estar sempre pendentes do móbil no tempo libre porque avisan do traballo no día anterior”.
O representante sindical entende que a dirección da empresa “quere evitar a toda costa que a CIG se consolide tanto en Eleuterio López y Cía. como no conxunto do grupo Monbus. Pero é tal o medre afiliativo desde a última folga de sector que non son capaces, porque moita xente xa lle perdeu o medo a esta empresa”, afirma.
Inácio Pavón lembra tamén que os problemas non afectan unicamente ao persoal condutor xa que segundo explica “o maltrato non é só para o persoal, senón que vemos como se multiplican as queixas de usuarios e usuarias que reciben un servizo pésimo”.
O representante sindical referiuse igualmente ao debate recente deste asunto no Parlamento de Galiza, onde, segundo denunciou, o Partido Popular saíu en defensa de Monbus. Un grupo empresarial que conta coa maioría das concesións do transporte metropolitano e escolar en Galiza, un ámbito no que a CIG cuestiona a actuación empresarial e lembra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que condenou Monbus e Alsa por repartiren o mercado.
UGT pregada a Monbus
A CIG denuncia que a actuación de Monbus neste proceso electoral forma parte dunha dinámica de persecución sindical mentres se favorece descaradamente a UGT e CCOO. O sindicato enmarca esta situación no conflito laboral do transporte e nas dificultades que, segundo sostén, afrontan as persoas traballadoras que se organizan para reclamar melloras nas súas condicións laborais. “Este é un exemplo máis, de tantos outros que vimos denunciando, como o despedimentos de candidatos da CIG nas eleccións de Empresa Monforte ou no transporte urbano de Santiago ou decisións arbitrarias para prexudicar laboralmente a quen protesta.”
Pavón critica tamén o papel de UGT no procedemento xudicial, ao terse adherido ás pretensións da empresa para limitar a representación sindical. A ese respecto asegura que esta actuación confirma “o seu triste papel na folga de sector na provincia da Coruña, na que asinou un convenio de eficacia limitada fronte a opinión da inmensa maioría do persoal”.
Para a CIG, a resolución xudicial sobre Eleuterio López y Cía. supón un respaldo á posibilidade de organizar electoralmente o persoal de distintos lugares de traballo cando estes non constitúen centros autónomos. O sindicato considera que este criterio é fundamental para superar a fragmentación empresarial e garantir que as persoas traballadoras poidan exercer os seus dereitos.