Publícase o IV convenio de ambulancias, un “logro histórico” para o sector

A CIG estará vixiante para facer que se cumpra en todas as empresas
Nacional - 14 Xun 2019

A CIG vén de editar 1.500 exemplares do recén publicado IV convenio de ambulancias para distribuír entre as traballadoras e traballadores do sector. Un convenio do que, tras ser analizalo en profundidade, as asembleas e xuntanzas de delegadas/os do sector, conclúen que significará un importante avance neste sector. Entenden que co traballo de varios anos, a presión sindical e a mobilización conseguiron a maior suba económica, cun mínimo do 22 % en toda a vixencia do convenio tendo en conta a suma lineal de todos os conceptos económicos.

A esta suba hai que engadirlle ademais os conceptos variables (horas de presenza e extras, domingos, nocturnidade, etc) a quen lle correspondan; o cobro do mesmo salario nas vacacións ou que a todas as categorías se lles van aplicar as subas liñalmente coa mesma cantidade que lle subiu á categoría de condutor/a. Ademais da importancia que ten a consolidación da terceira paga extra, que agora si que sería unha paga consolidada igual que as outras dúas.

Precariedade e prevención de riscos

Á parte económica, que foi a fundamental nesta negociación, hai que engadir importantes melloras que inclúe tamén o convenio, como na prevención de riscos (nomeadamente no embarazo e a lactación), na loita contra a precariedade coa suba dos salarios do persoal en prácticas e a conversión en indefinidos dun terzo dos contratos temporais cada ano ata rematar cun mínimo do 90 % de emprego fixo en cada empresa ou as melloras nos permisos retribuídos, entre outras.

Porén, e por riba de valoracións económicas, afirman que “foi a capacidade colectiva e a combatividade demostrada polo sector desde o primeiro día quen conseguiu este logro”. Este conflito non comezou no 2019, se non que se inicia coas anteriores concesións, as súas asignacións económicas e cando se lle obrigou a moitas das empresas, que non viñan precisamente a iso, a cumprir o convenio colectivo. Iso permitiu chegar a unha negociación, que aínda que moi dura, conseguiu agora o texto que se vén de asinar.
Mobilización, loita e asemblearismo, fundamentais

Neste sentido salientan ademais a mobilización e as folgas nestes anos como os elementos fundamentais para que esa forza demostrada na rúa se trasladara á mesa e provocara que nun servizo público, a Consellería de Sanidade fora obrigada “a mollarse” directamente na solución do conflito.

O modelo sindical da CIG, hoxe maioritario no sector, sempre defendeu a importancia das asembleas, das decisións colectivas e a implicación dos traballadores e traballadoras. “Sempre mantivemos tamén que a mobilización e a loita era o único camiño para mellorar as nosas condicións laborais. E no sector das ambulancias non ía ser diferente e non existían fórmulas máxicas fóra destas premisas para asinar o convenio, e moito menos mirar desde fóra”, explican desde a FGAMT-CIG.

A isto engaden que “desde a CIG estivemos impulsando a mobilización e denunciando as deficiencias do servizo desde o primeiro minuto, moito tempo en solitario. Ao final demostrouse que ese era o camiño e desta o sector sae fortalecido deste convenio onde conseguimos a maior parte do que se reivindicaba”.

Sendo a CIG a primeira forza sindical conseguiuse asinar este convenio mantendo a unidade de acción sindical até o final, cousa que até o de agora nunca se conseguira e que permite que o sector remate nunha posición de forza para o que veña no futuro, e isto non é unha cuestión menor. “Houbo momentos complicados pero que foron superados con responsabilidade e tendo sempre claro cal era o obxectivo e quen eran os verdadeiros inimigos”.

Garantir que o convenio se cumpra

Asinado o convenio colectivo, queda unha parte fundamental sen a que non tería sentido todo este traballo. “Temos que facer que este convenio se cumpra en todas as areas sanitarias porque aínda quedan moitas empresas que pensan que as relacións laborais se marcan empresa a e empresa, diga o que diga o convenio. Iso ten que rematar dunha vez, e para iso tamén a CIG é a nosa mellor ferramenta. Coa cintura necesaria cando a haxa que ter e coa firmeza da denuncia e a mobilización cando sexa necesario. E sendo os traballadores e as traballadoras do sector quen tomamos as decisións”, explican.

Diante disto, conclúen que “foi un logro histórico”, conscientes de que sen o seu cumprimento o esforzo non tería servido para nada. E adiantan que “quedan cousas que non entraron nesta negociación e que serán bandeiras para o seguinte convenio colectivo, para o que cómpre manter a unidade e a forza demostrada nos últimos tempos”.