Veciñanza de Marín recibe o presidente da Xunta ao berro de “metede a Rueda nas listas de espera”
A plataforma pola defensa do centro de saúde denuncia que as consultas de tarde están suspendidas até o 1 de outubro
Un grupo de veciñas e veciños de Marín apupou este luns o presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, durante unha visita a localidade en protesta polos problemas da sanidade pública durante o verán e a suspensión das consultas no centros de saúde na quenda de tarde, cando menos, até o mes de outubro.
Un grupo de veciñas e veciños de Marín apupou este luns o presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, durante unha visita a localidade en protesta polos problemas da sanidade pública durante o verán e a suspensión das consultas no centros de saúde na quenda de tarde, cando menos, até o mes de outubro.
Durante a protesta, convocada de urxencia pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín, que agrupa a máis de 20 colectivos entre os que está a CIG, berráronse consignas como “coa nosa saúde non se xoga”, “no verán tamén enfermamos” ou “o público é servizo o privado beneficio” e denunciouse “a incompetencia da Consellería na planificación de recursos e persoal”, así como os recortes e privatizacións da Xunta.
A voceira da plataforma, Iria Aboi, critica que nun centro de saúde como o de Marín “de 14 facultativos e facultativas, estean suspendidas as consultas de tarde como mínimo até o 1 de outubro, despois da falta de planificación da xerencia da que levamos advertindo dende comezos do verán”.
Lembrou que Seixo segue cunha doutora de baixa sen substituír dende o 1 de xuño e coa outra médica “ao límite, facéndose cargo de todo, e en ambos centros aumentan as listas de agarda para consulta ou receitas”. Criticou que se manteñan as demoras en especialidades de primaria nas que se pode contratar persoal como fisioterapia ou psicoloxía clínica e que pechen camas nos hospitais “mentres temos o conselleiro mentíndonos dicindo que a espera en primaria é de 6 días e a Rueda de paseo a poucos metros do Centro de Saúde de Marín. Isto é unha vergoña por iso estamos aquí.”
A plataforma considera “lamentábel” o desinterese da alcaldesa e do seu equipo de goberno “que, unha vez máis, perderon a oportunidade de poñerse do lado da veciñanza fronte os recortes do seu partido”. Tamén criticou Aboi a actitude do xefe da policía autonómica de Pontevedra e criticou que se trate a veciñanza “coma delincuentes mentres na Xunta seguen descapitalizando a sanidade de todas e todos para beneficio das grandes compañías privadas.”
Por último, a plataforma avanza que as accións de protesta continuarán “porque temos un goberno da Xunta insensíbel que segue a traballar para beneficio da privada mentres a xente segue sufrindo listas de agarda evitábeis”.