Verín non se pecha: dous meses de intensa loita con final feliz

A presión social obrigou a Xunta a reabrir a sala de partos e o servizo de pediatría do hospital
Verín - 03 Feb 2020

Onte domingo cumpríronse dous meses do inicio do encerro no hospital de Verín para rexeitar o peche da sala de partos e do servizo de pediatría, unha medida que a Xunta xustificara na escaseza de nacementos e na suposta falta de pericia do persoal sanitario. Pero a presión social obrigou o Goberno galego a dar marcha atrás na decisión e hoxe mesmo o servizo botou a andar de novo. En consecuencia, a representación sindical do centro decidiu suspender o encerro, pero anuncian que continuarán a mobilizarse contra o desmantelamento progresivo da sanidade pública na comarca de Monterrei que levan anos denunciando.

A loita en defensa da sanidade pública nesta bisbarra, ao igual que en moitas zonas do país, vén de lonxe. Vai para nove anos que se suceden as protestas, incluíndo tres manifestacións multitudinarias convocadas pola Plataforma Pola Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei. As últimas decisións do Sergas botaron máis leña ao lume, sobre todo o peche do paridoiro e do servizo de pediatría. Antes o hospital quedou sen consultas de dermatoloxía, obrigando a 1700 pacientes a desprazarse a Ourense, cando ademais había 500 intervencións programadas. Tamén hai escaseza de persoal en medicina interna, faltan anestesistas e case non se fai cirurxía maior.

De feito, o inicio do encerro contra o peche do paridoiro e das urxencias pediátricas decidiuse nunha asemblea celebrada coincidindo coa terceira das grandes manifestacións convocadas contra o desmantelamento da sanidade pública da bisbarra. “Unha semana antes da mobilización anunciaron o peche, polo que convocamos unha xuntanza de traballadoras/es na que se apostou por comezar coa protesta o luns 2 de decembro no caso de que o domingo día 1 o Sergas levase a cabo o peche do servizo”, explica a presidenta da comisión delegada do hospital de Verín, Rosa Eva Fernández, da CIG.

Unha vez constatado o peche, un grupo de traballadoras/es accedeu ao despacho da EOXI o luns ás 8:00 horas e comunicou que non abandonaría as dependencias até que non fosen recibidas/es polo conselleiro da Sanidade. Ese mesma tarde recibiron unha comunicación para manter unha xuntanza co responsábel autonómico, que lles confirmou que o peche do servizo era definitivo “por escaseza de partos e por falta de pericia do persoal”. Como consecuencia, ao día seguinte deciden que o encerro pasa a ser indefinido.

Representantes sindicais e traballadoras/es contan en todo momento co apoio da veciñanza, e durante o día participan no peche até un cento de persoas. Logo pola noite pernoctan un grupo dunhas 20. Mais a medida que vai pasando o tempo a o Sergas continúa facendo ouvidos xordos, e ante a previsión de que a situación se prolongue, establecen quendas coa idea de resistir o que sexa necesario até que o servizo se reabra.

Neste tempo organizaron numerosas accións reivindicativas, como un velorio e posterior enterro para simbolizar a "defunción" do hospital. Mesmo percorreron a pé os case dous quilómetros entre a praza de Verín e o centro hospitalario, “onde velamos o morto de 25 anos, que é a idade que ten o hospital”. Ademais, sucedéronse protestas espontáneas diante do centro a diario, nas que participaban até 300 persoas.

Dereitos esenciais

A presidenta da comisión delegada valora moi positivamente a transcendencia que logrou esta loita, e o feito de que a presión social forzase a Xunta a ter que recuar. “Levamos moitos anos a denunciar o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca, pero foi a raíz do movemento 'Verín non se pecha' cando fomos quen de reabrir servizos pechados”, explica Fernández. Con todo, aposta por non relaxarse a manter a tensión mobilizadora, “porque despois do hospital de Verín virán os de Monforte, O Barco, etc”.

Ao mesmo tempo lamenta “que teñamos que saír á rúa a defender dereitos esenciais, como aconteceu nesta ocasión”, pero considera que o sucedido demostra que “só coa loita se conseguen as cousas”. Na súa opinión, o peche da sala de partos foi un antes e un de pois nas reivindicacións en defensa da sanidade pública porque foi unha decisión que afecta “á parte máis sensible da sociedade, que son as crianzas” e tamén porque “constituíu un ataque directo aos dereitos das mulleres”. Nesta liña, criticou que se fale moito da protección das mulleres “pero logo a realidade é que non podemos nin parir con seguridade”.

Nada máis constatar a reapertura da sala de partos e do servizo de pediatría, as persoas que permanecían no encerro abandonaron a medida de presión e celebraron o triunfo das mobilizacións con cánticos no exterior do hospital. Mais a loita continúa.