Vigo urxe a “reconstrución” da área sanitaria nunha manifestación contra o deterioro da sanidade pública

A mobilización, convocada por SOS Sanidade Pública, percorreu as rúas da cidade denunciar as listas de agarda, a falta de profesionais e o aumento das derivacións á sanidade privada
Vigo - 04 Nov 2026

A plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo mobilizou este mércores a varios milleiros de persoas nunha concorrida manifestación que arrincou da Praza dos Cabalos pasadas as 19.00 horas para reclamar a “reconstrución” da área sanitaria viguesa e denunciar o deterioro progresivo da sanidade pública.

Baixo o lema ‘Reconstruír a área sanitaria’, a protesta puxo o foco no incremento das listas de agarda, na falta de profesionais, nos peches de camas hospitalarias, na situación da Atención Primaria e no aumento constante das derivacións e dos concertos coa sanidade privada.

Ao remate da marcha, dende o SOS Sanidade lembraron que os últimos informes do Consello de Contas de Galiza e a documentación elaborada pola propia plataforma evidencian que estes problemas non son situacións illadas nin conxunturais, senón consecuencia de decisións políticas mantidas ao longo dos últimos anos. Neste sentido, a mobilización serviu para reclamar un cambio de rumbo e medidas que permitan recuperar unha sanidade pública galega de calidade, especialmente nunha área sanitaria que atravesa un dos momentos máis críticos das últimas décadas.

Entre as principais reivindicacións figurou o rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro, mediante a reversión da concesión para garantir a súa titularidade e xestión integramente públicas, así como a recuperación do proxecto e do plan funcional iniciais.

A plataforma tamén reclama a ampliación das camas e dos servizos hospitalarios, coa construción do edificio anexo previsto para alcanzar as 1.265 camas e a restitución das unidades de Coidados Mínimos, Docencia e Investigación e Rehabilitación. Ademais, esixe poñer a pleno rendemento as 422 camas do Meixoeiro e as 117 do Hospital Nicolás Peña.

A recuperación da Atención Primaria foi outra das reivindicación centrais da protesta. SOS Sanidade Pública demanda un incremento do investimento, a redución da temporalidade laboral por debaixo do 8% e a dotación de persoal e infraestruturas dignas nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada (PAC).

No ámbito das infraestruturas, o colectivo defende tamén a construción de Centros de Alta Resolución (CAR) en Vigo e no Morrazo, así como a mellora dos recursos sanitarios nesta última comarca. Por outra banda, na área sanitaria viguesa insta á elaboración dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos que permita garantir unha asistencia de calidade con recursos públicos suficientes.

Finalmente, a plataforma denuncia a situación dos cupos de Atención Primaria, con axendas que poden superar os 40 ou 50 pacientes por profesional e día, así como a existencia de milleiros de persoas que permanecen durante meses e mesmo anos sen ter un médico ou médica asignada.

Con esta mobilización, SOS Sanidade Pública de Vigo quixo reiterar a necesidade de recuperar e reforzar o sistema sanitario público, reclamar responsabilidades á Xunta e ao Sergas e defender unha atención sanitaria “accesíbel, digna e de calidade” para toda a cidadanía.