Volven mobilizarse diante de Ambulancias do Atlántico en Mos pola readmisión de cinco traballadores

A CIG convocou folga en Santiago e en Vigo deciden o sábado se se suman
Mos - 11 Mar 2022

Un grupo de empregados/as de Ambulancias do Atlántico e de delegados/as sindicais da CIG no sector do transporte sanitario desenvolveu hoxe unha nova mobilización diante das instalacións empresa en Mos para esixir a readmisión dos cinco compañeiros despedidos sen xustificación a pesar de que a compañía, unha das concesionarias dos servizos de transporte sanitario urxente do 061 e do programado, non conta co persoal suficiente para cubrir as baixas e os descansos.

Durante a concentración convocada polo comité de empresa despregáronse varias faixas e berráronse consignas denunciando a actitude da dirección e reclamando a readmisión dos despedidos, un deles en Santiago e os outros catro en Vigo.

A CIG de Compostela vén de convocar precisamente folga na UTE Casablanca y Otros, na que se integran Ambulancias do Atlántico, Ambulancias Casablanca, Ambulancias do Nordés, Ambulancias Ortigueira e Ambulancias Quiroga. Esta UTE é a concesionaria do servizo de transporte sanitario urxente na área sanitaria de Santiago e responsábel última do despedimento dun traballador na base de Ambulancias do Atlántico de Santiago.

En Vigo, o comité de empresa ten previsto celebrar unha asemblea este sábado para decidir se tamén convoca folga, neste caso só en Ambulancias do Atlántico xa que ten a concesión en solitario, convocatoria que podería confluír coa de Santiago.