Volvermos á "normalidade"?

Antoni Soy -

No fondo, unha vez máis, dicindo que queren salvar os postos de traballo, desde a súa perspectiva neoliberal, o que queren salvar son as empresas e os seus accionistas coas subvencións, créditos garantidos e participacións. Utilízase o argumento do emprego para subvencionar masivamente o capital. De novo privilexiar, o capital por riba do traballo

 Durante a pandemia da Covid-19 parou o funcionamento "normal" da economía mercantil capitalista. O que seguiu funcionando foi grazas ás medidas tomadas polos estados: basicamente un certo mantemento dos ingresos vía o paro parcial que supoñen os ERTE e os empréstitos garantidos ás empresas e autónomos que, polo menos teoricamente, deberían compensar as perdas na súa cifra de vendas e a súa rendibilidade. E tamén polas actuacións da Unión Europea (UE), nomeadamente a intervención do Banco Central Europeo (BCE) para mercar débeda pública e privada.

 É dicir, os estados e a UE, o sector público en definitiva, substituíu o mercado como fonte de financiamento da economía. Unha forma de "socialismo" da que non hai que esquecer a súa natureza real: en xeral, non hai intervención sobre a produción de bens e servizos senón que do que se trata é de preservar cunha especie de "conxelación" da economía. Non se trata de modificar nada esencial do funcionamento da economía capitalista, senón de manter todo o que sexa posíbel en espera de que se poida volver á "normalidade" canto antes.

 Do que se trataría é que unha vez pase a ameaza sanitaria, se puidesen preservar os ingresos para que volva o consumo, as empresas poidan vender e recuperar os seus niveis de actividade e as súas marxes de beneficio. Esta dinámica quizais podería funcionar se a crise sanitaria fose curta, pero desde o momento que esta "conxelación" da economía se alongou, non evitará, probabelmente, a degradación das posibilidades que se poida recuperar rapidamente. Na situación actual, a crise económica colleu a súa propia autonomía. A economía capitalista tentará buscar un novo equilibrio que, en moitos sectores, sen dúbida, será moi inferior ao de antes da crise no ámbito de investimentos, rendibilidade, emprego, ingresos e nivel de vida en xeral.

 Unha vez que, polo menos en Europa, parece que pasou, teoricamente, a fase máis aguda da crise sanitaria, empézase a debater cal é a política económica a seguir nesta fase que se chamou a "nova normalidade". Hai varias propostas sobre a mesa pero, pola personalidade dos seus autores (destacados neokeynesianos / neoliberais franceses que ademais foron nomeados membros da comisión especial creada por Macron para pensar o "despois da crise") e tamén pola importancia do think tank neoliberal estadounidense que o publica, coido que é de especial interese a publicación "A New Policy Toolkit Is Needed as Countries Exit Covid-19 Lockdown".

 Primeiramente, fan un repaso das principais medidas que se tomaron durante o confinamento. Por unha banda, os traballadores aceptaron non traballar durante un tempo cunha redución do seu salario mais mantendo os contratos, e os gobernos pagaron aos empresarios a meirande parte dos custos laborais dos seus empregados: o que foron os ERTE no caso español. Por outra banda, os gobernos axudaron as empresas mediante adiamentos de impostos, empréstitos garantidos, compra de accións ou participacións no capital. Nalgúns casos déronse subvencións ou empréstitos garantidos tamén a autónomos e start-ups.

 Seguidamente, e este é o núcleo do artigo, avalían que facer na fase de posconfinamento estrito. Basicamente, propoñen ir diminuíndo progresivamente o réxime de mantemento dos contratos dos postos de traballo en paro parcial e ilo substituíndo, tamén progresivamente, por subsidios salariais sectoriais ás empresas que máis ou necesiten porque foron afectadas por importantes diminucións da demanda ou da produtividade. Ao mesmo tempo, propoñen manter os créditos garantidos ás empresas, máis moderadamente e condicionadamente, así como a participación accionarial do estado nas empresas, pero moi medidamente. Finalmente, tamén propoñen introducir, con moita prudencia, procedementos de reestruturación da débeda das Pemes que se endebedaron excesivamente e teñen dificultades para devolver estas débedas. En definitiva, consideran que, co comezo da "nova normalidade", a política económica debe intentar apoiar a recuperación. Con apoio ozamentario e fiscal desde o punto de vista da demanda, e poñendo gradualmente a énfase no apoio de postos de traballo produtivos e empresas viábeis desde o lado da oferta.

 É realmente abraiante e chocante que estes (e outros) economistas, partidarios da ortodoxia económica neoliberal, saian agora a defender medidas de política económica moi contraditorias co que defenderon sempre. Partidarios extremos da liberalización do mercado de traballo: a forza de traballo (a man de obra, din eles) debía adaptarse ás condicións da competencia e do mercado en calquera circunstancia e tivese as consecuencias que tivese, porque a "destrución creativa" do capitalismo acababa dando bos resultados. E agora piden subvencións públicas ás empresas para pagaren os salarios dos traballadores, e créditos garantidos e participacións accionariais ou axudas ás empresas.

 Xustifícano dicindo que se está nunha situación "anormal", dando por suposto que se volverá á situación que eles consideran "normal" nun período curto de tempo, o cal, vendo as predicións dos organismos internacionais (o último a OCDE), é máis que dubidoso. De feito, o cambio de posicionamento destes economistas non é só consecuencia de que estamos ante unha crise moi importante, senón tamén que as súas teorías e os seus modelos non funcionan. E, no fondo, unha vez máis, dicindo que queren salvar os postos de traballo, desde a súa perspectiva neoliberal, o que queren salvar son as empresas e os seus accionistas coas subvencións, créditos garantidos e participacións. Utilízase o argumento do emprego para subvencionar masivamente o capital. De novo privilexiar, o capital por riba do traballo.

 Ademais, se se dá ás empresas subvencións para pagaren os salarios, créditos garantidos, participacións accionariais ou axudas de estado, o lóxico sería que o sector público tivese unha participación no accionariado da empresa e/ou participase na xestión, produtiva e administrativa da empresa: por exemplo, na organización da produción, as relacións salariais e laborais, a estratexia e modelo de empresa, á que se dedican os posíbeis beneficios que faga a empresa, etcétera.

 Doutra banda, que quere dicir nunha economía capitalista unha "situación normal"? Como sabemos, o capitalismo está caracterizado pola existencia de ciclos e crises recorrentes e moi frecuentes. E semella que cada vez máis. Agora mesmo, aínda non acabaramos de saír da crise de 2008 e xa empezou outra que ten toda a pinta de ser moito máis grave. Porque o endebedamento das empresas e as familias é moi elevado, e a rendibilidade do capital real é moi reducida. Outra cousa é o que ocorre co capital financeiro (ficticio, dicía Marx) que se move no sistema financeiro e as bolsas. Mais isto xa sería tema para outro artigo.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Directa, do 24 de xuño de 2020]

 

Volver