XEAL carece aínda dun plan de igualdade pero négase a chegar a acordo co comité para desbloquear a súa negociación

Cee - 23 Nov 2022

Nin negociar o convenio colectivo nin negociar o plan de igualdade. XEAL insiste na súa actitude intransixente e de total falta de vontade de diálogo coa representación dos traballadores e das traballadoras. Aínda que a empresa xa está fóra dos prazos legais para ter aprobado un novo plan de igualdade, na mediación celebrada o pasado luns a instancias do comité debido á parálise e ao bloqueo patronal neste proceso, a dirección negouse de maneira inexplicable a chegar a un acordo.

E iso que o comité, co afán de avanzar na negociación  do plan, propuxo un novo prazo até o 31 de xaneiro de 2023 para entregar a documentación que ten obriga legal de presentar e máis tempo para contestar as alegacións que a representación social lle trasladou xa no mes de abril.

Hai que subliñar que dende esa data non houbo máis avances na negociación do plan, polo que, con esta actitude XEAL estase negando a cumprir coa lexislación vixente en materia de igualdade, incumprindo prazos, a achega de documentación precisa e sen dar participación ao comité para negociar os diagnósticos. De feito, a día de hoxe, a empresa non entregou nin a auditoría retributiva nin o sistema de valoración de postos de traballo.

A desidia de XEAL reviste maior gravidade tendo en conta os casos de acoso laboral e sexual denunciados por traballadoras das fábricas que a empresa tentou primeiro ocultar e logo minimizar. Por  este feitos un membro da dirección foi condenado por acoso,  pero malia  a sentenza aínda non se adoptaron medidas contra del ou, de tomarse algunha medida esta non foi comunicada á representación do persoal.

A tal punto que o condenado segue traballando no seu posto mentres que a vítima e as persoas que declararon no xuízo ao seu favor están fóra da empresa.

Nas achegas feitas en abril, o comité precisamente solicitou un protocolo de actuación contra os casos de acoso, tanto laboral como sexual, con identificación de condutas, medidas preventivas, e medidas cautelares, no caso de detectárense este tipo de situacións, así como protección ás vítimas. O que non pode ser é que a empresa actuara con total tibieza ante uns feitos tan graves e que agora pretenda eludir o precepto de legal de contar cun plan de igualdade.

Así as cousas, o comité pregúntase "qué máis ten que pasar nesta empresa para que, dunha vez, haxa unha actuación contundente por parte da Xunta de Galiza" para obrigala a cumprir con toda a normativa de aplicación: tanto en materia de igualdade, como no referido ao cumprimento das cláusulas esencias das concesións hidroeléctricas ou ao respecto dos dereitos laborais, sentando a negociar o novo convenio colectivo.