• 21-11-19_ConcentracionProsegur_02.jpg
  • 21-11-19_Mani_ConvenioSeguridadePrivada_01.jpg
  • 21-11-19_Mani_ConvenioSeguridadePrivada_07.jpg

Xornada de mobilización do persoal da seguridade privada contra as agresións machistas en Prosegur e por un convenio digno

Delegados e delegadas da CIG realizaron nunha concentración e nunha manifestación na Coruña

Nacional -

Delegados e delegadas CIG-Servizos na seguridade privada desenvolveron este venres unha xornada de mobilizacións na Coruña en contra da agresión machista e o acoso laboral sufrido por unha traballadora Prosegur en Ourense, e para rexeitar o convenio estatal que veñen de asinar as patronais, CCOO, UGT e USO xa que non contempla melloras laborais e económicas e supón unha nova perda do poder adquisitivo dos salarios. Con esta última protesta tamén se quixo demandar a negociación dun convenio de sector de ámbito galego que permita dignificar as condicións do persoal.

A primeira das protestas desenvolveuse na sede de Prosegur na Coruña para denunciar a inacción da empresa ante a agresión machista e o acoso laboral sufrido por unha traballadora destinada no campus universitario de Ourense. Malia que a agresión ocorreu o pasado agosto e os feitos xa foron denunciados no Xulgado do Penal e na Inspección de Traballo, a día de hoxe Prosegur segue sen activar ningún tipo de protocolo, limitándose a dicir que abriría unha investigación interna.

O coordinador do sector da CIG-Servizos, Pedro Pérez, critica que a empresa non só permanece pasiva antes estes graves feitos, senón que está dando amparo ao agresor (que lle provocou lesións á compañeira, á que mesmo intentou atropelar en varias ocasións) xa que, mentres  a afectada se atopa de baixa, "el está cubrindo a baixa da persoa á que agrediu”. "Non imos consentir este tipo de actuacións en ningunha empresa e menos nunha multinacional como Prosegur ", aseverou.

Para forzar a Universidade de Vigo -como cliente de Prosegur- a que lle esixa á empresa que cando menos retire o denunciado deste centro de traballo como medida cautelar, a CIG xa se concentrou o pasado 4 de novembro no edificio xurídico e empresarial do campus sur de Ourense.

Necesidade dun convenio galego

A seguir, os delegados e as delegadas trasladáronse até a Subdelegación do Goberno dende onde saíron en manifestación até a Delegación en rexeitamento ao convenio estatal que acaban de asinar as patronais APROSER e ASECOPS e CCOO, UGT e USO "que é totalmente regresivo para o sector. Levamos máis dunha década perdendo poder adquisitivo mentres as empresas aumentan os beneficios", denunciou Pérez.  

O sindicalista explica que o convenio -asinado como convenio de transición ao igual que o do ano pasado- só recolle un "mísero incremento salarial do 2%, cando o IPC xa está nun 5,5% e subindo, perpetrándose así outro roubo aos traballadores e ás traballadoras do sector, cuxas retribucións están pouco por enriba do SMI".

Sinala que a negociación do convenio durou pouco máis de un mes e nese tempo as centrais estatais que asinaron pasaron de defender unha plataforma con demandas salariais e sociais a "asumir e acordar ese mísero 2%, crear comisións e cambios na redacción".

Fronte a isto, a representación da CIG reclama incrementos reais que permitan recuperar o poder adquisitivo dos salarios, recuperar a parte proporcional das pagas extraordinarias que foron subtraídas en 2013, mellorar o plus de nocturnidade, mellorar os permisos retribuídos, diminuír a xornada anual máxima, creación de novos complementos etc.

"Xa está máis que demostrado que a vía da negociación estatal está esgotada", asevera Pérez, defendendo a necesidade de mobilizar o sector e apostar por un convenio galego do sector que dunha vez dignifique as condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras da seguridade privada.

Volver