Xornada de mobilización por avances reais no plan de igualdade do BBVA e subas salariais xustas en Abanca

Nacional - 09 Mai 2023

Delegadas e delegados da CIG no BBVA e en Abanca concentráronse este martes nas oficinas principais de ambas entidades para denunciar, nun caso, a falta de avances reais na negociación do Plan de Igualdade e, no outro, reclamar un incremento salarial xusto, tendo en conta os beneficios millonarios da entidade.

A primeira protesta desenvolveuse diante da Oficina Territorial Noroeste do BBVA (no Cantón Pequeno da Coruña) en resposta á falta de avances no Plan de Igualdade e a escasa transparencia na información trasladada pola dirección. “Levamos case tres anos negociando e aínda descoñecemos cal é a fenda real no BBVA porque se negan a darnos información chave, pero tampouco hai un compromiso real nas medidas para a conciliación, a concreción horaria ou para que a mobilidade non sexa o factor decisivo para que as mulleres poidan promocionar”, explica Carmen González García, representante da CIG na mesa de negociación.

Sinala que o plan vixente no banco data de 2010, polo que ficou obsoleto ante os cambios normativos en materia de igualdade na última década. Porén as prácticas na empresa non mudaron “e o persoal segue sen saber cales son os postos de igual valor e se nestes casos as retribucións son as mesmas”. Sobre esta cuestión engade que unha parte importante do salario corresponde coa parte variábel que é por onde se colan todo tipo de desigualdades retributivas nas que as traballadoras son sempre as peor paradas.

Á falta de información súmanse as mudanzas no organigrama feitas pola dirección “que fai imposíbel recoñecer en que nivel nos atopamos como traballadoras. Poñendo trabas a poder comparar os salarios e saber se a nosa retribución é correcta segundo a nosa contribución á empresa”. A representante da CIG asevera que as traballadoras do banco “queremos chegar até o máximo das nosas posibilidades e estamos fartas da trampa da mobilidade como impedimento para as promocións”.

Xunto a isto, denuncia as dificultades para conciliar nunha entidade que, alén do horario estabelecido no convenio, dispón de máis de 60 horarios distintos pero rexeita por sistema as concrecións horarias, porque non quere "horarios á carta". As mulleres son as máis afectadas por esta situación, xa que seguen sendo de maneira maioritaria as que asumen as tarefas de coidados.

Ao final, apunta González, as traballadoras acaban pedindo reducións de xornada, o que lles supón unha penalización á hora de promocionar porque o banco entende que non están comprometidas coa empresa.

Por iso unhas das consignadas berradas na concentración foi “muller mal pagada e nunca valorada”. “Sen melloras de calado e despois de dous anos de negociación, o que se asine será papel mollado porque o banco abusa das cláusulas de compensación e absorción que fan que, a pesar do avance normativo, este plan quede en nada se a lei garante melloras por enriba do asinado”, denunciouse.

Neste senso, aseverouse que as traballadoras do BBVA están fartas de que a conciliación se faga en base a renuncias persoas e profesionais "e non a medidas acordes ás necesidades do persoal".

Abanca aumenta beneficios mentres mantén conxelados os salarios do persoal

A segunda concentración realizouse na Oficina Principal de Abanca (rúa Nova) en rexeitamento á presión comercial á que está sometida o persoal e para denunciar a conxelación salarial. "Os beneficios de Abanca en 2022 subiron un 30% en relación ao ano anterior, e o salario da alta dirección incrementouse un 7%, pero os salarios do persoal só subiron un 0,75%", salientou Clodomiro Montero, responsábel da sección sindical da CIG en Abanca.

Montero incidiu en que os traballadores e traballadoras da entidade levan acumulada unha perdo do seu poder adquisitivo do 12% en dous anos. Por iso, a CIG está reclamando que se abra unha negociación para actualizar os salarios, recuperar a capacidade adquisitiva e garantir o seu mantemento, porque "o certo é que dende 2014 os salarios se foron recortando preto dun 25%". 

Até o punto que incluso o persoal de nova entrada, que é contratado a tempo parcial, percibe soldos por debaixo do SMI. "Estamos falando dun banco con beneficios multimillonarios, no que practicamente o 80% dos beneficios son para unha soa persoa, que ten a traballadoras e traballadores en condicións de absoluta precariedade", denunciou. Critica que Abanca está "nun ERE permanente despedindo a persoal con contratos indefinidos, mentres aumentan as contratacións temporais en condicións precarias".

"É de xustiza que se revisen os salarios  nun momento como o actual", aseverou Montero, sinalando ao prezo disparado do custe da vida.

Alén da cuestión salarial, coa protesta tamén se quere denunciar a agresiva política comercial de Abanca que, malia prohibilo a normativa comunitaria, márcalle obxectivos ao persoal para a colocación de produtos financeiros complexos. "A dirección presiona cada vez máis o persoal para que coloque estes produtos que a clientela non demanda", alertou.