• Nova

Xornada de mobilizacións en Eroski-Familia para rexeitar os novos calendarios impostos pola empresa

A CIG realizou concentracións en catro supermercados da Coruña
A Coruña - 26 Abr 2019

A CIG concentrouse este venres diante de catro supermercados do grupo Eroski-Familia da Coruña, en rexeitamento ao cambio de calendarios e horarios que está a impor a empresa en todas as tendas para aplicar unha cláusula do novo convenio que asinaron FETICO, CCOO e UGT en Madrid e que implica unha variación dos calendarios "a peor". 

A xornada de mobilizacións comezou cunha concentración no supermercado Familia da Avenida de Hércules e a seguinte foi no Familia da Rúa Montealto. De alí a protesta trasladouse ao Familia da Rúa da Torre e finalmente a última concentración comezou por volta das 13:15 horas diante do  Familia da Rúa Ramón del Cueto.

Os calendarios, a peor

A CIG-Servizos denuncia que a través destes novos calendarios estanse impondo xornadas partidas a quen tiña xornada continuada e o persoal ten que traballar máis horas durante o día para poder gozar duns días de libranza "que en  teoría venden como bos, pero que en realidade o que fan é estragar todos os calendarios". Este cambio vén a consecuencia do último convenio de empresa e engádese á situación precaria que xa padecían as traballadoras e traballadores do grupo Vegalsa-Eroski, que realizan unhas das xornadas anuais máis elevadas do sector, malia seren do persoal con peor salario de todo o comercio de alimentación.

Un dos convenios máis baixos do sector

Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, explica que se tentou negociar coa empresa a aplicación deses descansos dunha maneira máis coordinada co comité para minimizar o seu impacto, tal e como se está facendo noutras cadeas, "pero a empresa negouse e a representación sindical maioritaria, en mans de FETICO, non fixo nada". Isto provocou enfado entre as traballadoras e traballadores o que levou á representación da CIG a convocar esta xornada de mobilizacións.

Cómpre lembrar que o convenio colectivo do grupo Eroski é dos máis baixos do sector, unha situación que depende en boa medida da maioría que ostenta FETICO e "á súa nula capacidade de presión e escaso interese porque esas cláusulas do convenio, en teoría positivas, se apliquen da mellor maneira posíbel".