Xubiladas e pensionistas da CIG denuncian os graves efectos do desmantelamento da sanidade nas persoas maiores

Rexeitan a estratexia planificada do Goberno do PP que xera listas de espera inasumíbeis que empeoran a saúde, aumentan a dependencia e, nalgúns casos, provoca danos irreversíbeis
Nacional - 28 Xan 2026

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG anunciou este mércores unha campaña para denunciar o desmantelamento e a privatización da sanidade pública e como este deterioro planificado na atención sanitaria afecta de maneira máis grave ás persoas maiores. No marco desta campaña, ademais de mobilizacións, o colectivo colocará mesas informativas nas rúas das principais cidades e vilas para recoller escritos de queixa e testemuños de persoas maiores sobre as dificultades e atrancos que atopan á hora de recibir atención sanitaria, “facer visíbel o que se está a ocultar e organizar a resposta social”.

“O que está a acontecer na sanidade pública non son casos illados nin fallos puntuais: é unha estratexia planificada do Goberno da Xunta do PP que ten como resultado listas de espera inasumíbeis, derivacións sistemáticas á sanidade privada e unha clara penalización para as persoas que se negan a ser atendidas fóra do sistema público”, aseveraron.

As voceiras e voceiros do colectivo subliñaron que as persoas maiores “sufrimos de maneira especialmente grave esta situación”, pois o tempo de espera cando se teñen patoloxías crónicas, cando a idade avanza, ou cando hai doenzas asociadas “non é neutro,  empeora a saúde, aumenta a dependencia e, nalgúns casos, provoca danos irreversíbeis”.

Por iso acordaron iniciar esta campaña que incluirá a instalación de mesas informativas nas rúas para a recollida de queixas e testemuños e mobilizacións que comezarán en febreiro e se prolongarán nos vindeiros meses. Ademais, o colectivo aproveitou a comparecencia para facer un chamamento a participar na manifestación que SOS Sanidade Pública ten convocada para o próximo domingo, 1 de febreiro, ás 12h, dende a Alameda de Compostela.

“A defensa da sanidade pública é unha loita de país, pero tamén é unha cuestión de xustiza social e de dignidade, especialmente para quen xa deu toda unha vida de traballo”, ratificaron. Fronte ao desmantelamento e privatización exixiron do Goberno do PP na Xunta que remate “esta política de aniquilación da sanidade pública, que remate o desvío de cartos á privada, e que empece a planificar os recursos, tanto humanos como materiais, necesarios para levar a cabo unha atención sanitaria digna e equitativa para todas as galegas e galegos”.

Exemplos alarmantes de demoras

Para exemplificar este deterioro, as e os representantes do Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas expuxeron algúns dos casos que teñen recompilado en diferentes comarcas do país e que “son só unha pequena mostra do que están a sufrir as galegas e os galegos”.

Advertiron de situacións “absolutamente alarmantes” na área sanitaria de Lugo: unha persoa diagnosticada de hernia inguinal á que logo duns meses na lista de agarda se lle ofrece operarse na privada. Como se negou, “foi penalizada e chegou a esperar até dous anos para ser operada no hospital público”. Tamén se constataron casos de persoas con dous e tres anos de espera para consultas de oftalmoloxía ou intervencións de retina, mesmo despois de presentar reclamacións por escrito; agardas de dous anos para unha resonancia dun xeonllo; operacións de cataratas que chegan cinco anos tarde; persoas penalizadas repetidamente nas listas de espera por non aceptar a privada; ou mesmo o caso dunha muller de 97 anos “que aínda non foi citada para a revisión que lle correspondía desde marzo de 2023”.

Na área sanitaria de Vigo, o colectivo detectou prácticas que rozan a coacción cando se lle di ás persoas doentes literalmente que “se non aceptan operarse en Povisa, en sábado e pola privada, pasarán ao final da lista e só despois de negarse ou ameazar con denunciar, reciben chamada da pública”. A isto súmanse esperas de máis de oito meses por unha simple ecografía.

Un caso especialmente grave que relataron foi o dunha persoa á que, tras varios cólicos nefríticos tratados “só con analxesia e sen realizarse  probas diagnósticas, cando por fin chega a facerse unha proba diagnóstica, se lle detecta tarde un problema irreversíbel que remata coa perda dun ril. Hoxe segue agardando por varias probas e consultas desde o ano 2024”.

Denunciaron esperas inxustificábeis na área sanitaria da Coruña como o caso dun xubilado de 68 anos que tivo que agardar 18 meses para unha proba de próstata; ou doutro ao que se lle ofreceu operar a cadeira na privada e ao negarse, “leva xa máis de 16 meses de espera na pública”.

Referiron a situación dunha persoa en Ferrol con problemas nun ombreiro que foi derivada a fisioterapia e, ao rexeitar ser atendida na privada, nunca máis foi chamada. E casos en Pontevedra de persoas de 77 e 78 anos “que levan un e dous anos de espera respectivamente para unha prótese de cadeira ou unha cita en uroloxía”.

A situación resulta igualmente alarmante na Atención Primaria, que malia ser o primeiro chanzo do sistema público, “a día de hoxe nunha boa parte dos centros de saúde da Galiza é imposíbel ter cita co médico ou médica de cabeceira no mesmo día ou no seguinte”. Como mostra, expuxeron que neste intre, no Centro de Saúde das Durmideiras (A Coruña) non hai cita até o 6 de febreiro, no CS da Ponte (Ourense) até o 9 de febreiro; no CS dos Tilos (Teo) até o 12 de febreiro ou no CS de Cacheiras (Teo) até o 17 de febreiro.

Con este panorama, o colectivo da CIG reiterou “que a sanidade é un servizo público esencial que cómpre defender”, animou as persoas xubiladas e pensionistas a participar na manifestación deste domingo e a mobilizarse por un sistema sanitario público, universal e de proximidade.